Ketty, unha pontevedresa "por amor" que participará na sexta edición de Masterchef

Por Alejandro Espiño
Pontevedra volve estar moi ben representada en Masterchef, o exitoso concurso de cociña que emite TVE. Ketty Fresneda, unha dietista cubana de 28 anos, participará na sexta edición do programa. Farao, como vimos este domingo en televisión, tras superar unha esixente fase de casting. Será unha das quince persoas que loitarán polo triunfo final.
Como ela mesma explicou no programa, unha "longa historia de amor" fixo que cambiase a súa Cuba natal pola cidade de Pontevedra. "Un galego enganoume e díxome que en Galicia vivíase ben e non chovía nunca", bromeou cos xuíces do programa, Pepe Rodríguez, Jordi Cruz e Samantha Vallejo-Nágera.
Iso si, para ela non foi fácil entrar nas cociñas de Masterchef. Pasou ao exame final tras un macrocasting no que participaron 150 persoas que, por un ou outro motivo, non puideron asistir ás probas presenciais. Todas elas debían levar un prato preparado de casa e tiñan 20 minutos para terminalo en directo.
Ketty foi un dos trinta aspirantes finais. Por quendas, foron entrando na cociña do programa e debían elaborar un prato libre para conquistar ao esixente xurado, a partir dos ingredientes que se lles asignase ao entrar.
O alimento principal, no seu caso, foi un de coñecía bastante ben: as zamburiñas, un dos produtos máis exquisitos das Rías Baixas. Preparounas con moita decisión e mestría na cociña, a pesar de recoñecer estar "bastante emocionada" por estar no programa e non poder reprimir as bágoas dos nervios.
Gañou a súa praza no concurso de TVE grazas a unhas zamburiñas aromatizadas con herbas, lima e aceite. Os xuíces valoraron que lograse "respectar o punto de cocción" das zamburiñas e enxalzase o produto co que tiña que cociñas.
Fixérona sufrir un pouco antes de confirmala como concursante. Jordi Cruz asegurou que o seu prato "non daba o nivel", pero votou pola súa entrada no programa "polo teu espírito e polo que levas dentro", mentres que Samantha Vallejo- Nágera díxolle que "guisas de marabilla pero hoxe non te vin brillar".
Non foi ata que Pepe Rodríguez foi a buscar ao seu marido, Fernando, cando Ketty recibiu a boa noticia. Lograba un dos quince mandís que identifican os concursantes de Masterchef. "É o comezo dun novo futuro", díxolle Pepe Rodríguez.
Ketty ten agora un duro traballo por diante para converterse na mellor cociñeira amateur de España e, por tanto, converterse na sexta gañadora de Masterchef. Estaremos atentos.
Relacionadas:
-
Masterchef estrea nova tempada con Pepe Solla e unha 'masterclass' sobre a lamprea
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- A playlist de... Ketty Fresneda: Azucre, sal e pementa!
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
Ketty Fresneda, ás portas de converterse en gañadora de Masterchef
Por Alejandro Espiño |
-
Lidia Folgar, expulsada de Masterchef ás portas da final do concurso
Por Alejandro Espiño |
-
Nutricionista, 29 anos e embarazada: Así é Lidia Folgar, a moza de Caldas que concursa en Masterchef
Por Alejandro Espiño |
-
As Rías Baixas, en 'MasterChef': visita ás bateas do Grove e cociña con mexillóns en Pepe Vieira
Por Alejandro Espiño |
-
Churra, eliminada de MasterChef: "Fue todo muy duro, pero me voy feliz. Ha sido una oportunidad de oro"
Por Redacción |
-
Churra, unha pontevedresa de 71 anos, a aspirante "máis entrañable" da segunda edición de MasterChef
Por Redacción |