O cambio de tempo está a provocar as primeiras enfermidades e pragas nas plantacións vitivinícolas
Por Redacción
Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación Provincial constatan que o cambio de condicións meteorolóxicas dos últimos días está dando lugar a unha brotación homoxénea e uniforme nas plantas, pero tamén ao inicio de enfermidades e pragas, de modo que acaban de emitir o segundo aviso fitosanitario desta semana.
Tras facer un percorrido polas fincas das principais zonas vitivinícolas, os técnicos reiteran as recomendacións de realizar rozas nas fincas e iniciar algún tratamento, pois a aparición dos primeiros síntomas de enfermidades e pragas atopan as condicións idóneas para estenderse.
As recomendacións céntranse na viña, árbores froiteiras e buxo. Na viña, os técnicos de Areeiro insisten moi especialmente na roza e control da vexetación herbácea en todas as fincas, sobre todo nas viñas conducidas en formacións baixas, posto que xa atoparon inflorescencias de plantas como Avena spp. ou Rumex spp. superando o nivel dos gromos de viña.
En canto a tratamentos, manteñen as recomendacións de aplicar tratamentos fronte á excoriose naquelas parcelas onde tradicionalmente veñan observando problemas con esta enfermidade. En canto ao mildeu, manteñen a recomendación de non tratar aínda, posto que non se produciron todas as condicións necesarias para que se desenvolva a enfermidade.
No caso das árbores froiteiras, Areeiro comunica que xa é bastante xeneralizada a presenza de gromos de melocotoeiro afectados de lepra, polo que é necesario tratar neste período de brotación e renovar as intervencións segundo o funxicida empregado e das choivas que poidan caer. Nas cerdeiras e ameixeiras tamén comezan a aparecer síntomas de cribado, polo que recomendan vixiar para ver como evolucionan.
En canto ao kiwi, manteñen a recomendación de actuar fronte ás bacterioses aplicando un tratamento neste momento, e intentando previr a dispersión desta enfermidade extremando a hixiene da maquinaria, roupa e utensilios utilizados nas plantacións, a través do abonado equilibrado e evitando as regas por aspersión.
No caso dos cítricos insisten na aplicación de tratamentos contra o fungo Phytophthora spp, con sosetil-Al 80%, con mancozeb ou con formulados de cobre sós ou combinados con outros funxicidas, e combinar estes tratamentos coas boas prácticas agronómicas como a drenaxe do terreo e a recollida dos froitos caídos e os podres que haxa nas árbores.