Luis Rei tira a pedra e segue escondendo a man
Por Oskar Viéitez
O voceiro do grupo municipal de Marea Pontevedra, Luis Rei, segue sen querer dar explicacións sobre as graves acusacións verquidas no último pleno cando asegurou que nos últimos anos ocultáronse "positivos por alcoholemia de membros destacados desta corporación".
Sete días despois o concelleiro de Marea segue sen achegar proba algunha, sen dar ningún tipo de explicacións nin responder as preguntas que ao respecto lle fan os medios de comunicación. A redacción de PontevedraViva púxose en contacto hai días con Luis Rei e este declinou facer declaracións sobre este asunto.
Este venres, de novo, rexeitou falar sobre este tema coa escusa de que "non quero desviar a atención de algo que é importantísimo para nós" como é a proposta electoral que acababa de presentar. "Hoxe o que compre é falar disto", insistiu.
PROPOSTA ELECTORAL
O candidato de Marea á alcaldía de Pontevedra propón a creación dunha liña urbana de autobuses.
"Sería circular, con autobuses eficientes e ecolóxicos, frecuencias axeitadas, accesible e asequible" e tería servizos preferentes a Montecelo, Monte Porreiro e o campus. O Concello mercaría 5 autobuses eléctricos de 28 prazas que farían 89 viaxes ao día con 9 paradas na cidade.
Sería tamén a primeiro paso da xestión dunha empresa Transporte Urbano de Pontevedra, de xestión pública segundo os plans de Marea Pontevedra.
Esta empresa tamén se faría cargo das prazas de aparcadoiro que ten o concello en propiedade (Mirabeles ou Veteris) e do servizo de guindastre municipal.