Sanxenxo, Moraña e Bueu elevan a doce concellos o plan de transporte metropolitano de Pontevedra
Por Redacción
Doce concellos formarán parte do futuro plan de transporte metropolitano de Pontevedra. Así será despois de que a Xunta de Galicia aceptara, a petición do propio goberno municipal, que Sanxenxo puidese adherirse a esta iniciativa.
Os estudos iniciais falaban de nove concellos pero, finalmente, ademais de Sanxenxo o goberno galego incluíu aos municipios de Moraña e Bueu.
Así, formarán parte deste plan de transporte metropolitano Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa, segundo confirmou a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.
Todos estes municipios están convocados a unha xuntanza que se celebrará o próximo martes e na que se abordará a posta en marcha deste plan.
No encontro participarán a conselleira Ethel Vázquez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, que presentarán aos municipios o proxecto previsto para o seu desenvolvemento na comarca de Pontevedra, coas súas estimacións económicas e as repercusións para os usuarios.
O goberno galego destaca que cumpre así co seu compromiso de estender este ano a Pontevedra o plan de transporte metropolitano que xa funciona nas áreas de A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo.
O plan de transporte metropolitano é un programa social impulsado pola Xunta de Galicia que persegue fomentar o uso do transporte publico colectivo ao tempo que axuda, de xeito importante, á economía das familias.
Este plan, mediante o uso da tarxeta de transporte metropolitano, permite descontos medios do 50% nas viaxes interurbanas, achegando a Xunta de Galicia o 80% do financiamento desas bonificacións no prezo do billete e o conxunto dos concellos o 20% restante.
A administración autonómica custea tamén as bonificacións adicionais do 15% que se aplican a usuarios frecuentes, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, así como os descontos extra de ata o 50% para familias numerosas.
Ademais, tamén existe a tarxeta Xente Nova, coa que o transporte interurbano metropolitano é gratis para os menores de 19 anos.
Relacionadas:
-
A Xunta descontará o custo do transporte urbano ao Concello se este non asume este servizo voluntariamente
Por Oskar Viéitez |
-
Moreira ve unha "trampa" a comisión técnica proposta polo BNG para o transporte metropolitano
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello propón á Xunta crear unha "comisión técnica bilateral" sobre o transporte público
-
Sanxenxo solicita entrar no plan de transporte metropolitano da consellería de infraestruturas
Por Redacción |
-
Poio presiona á Xunta de Galicia para que poña en marcha o Plan de Transporte Metropolitano
Por Redacción |
-
Nove concellos integrarán o Plan de Transporte Metropolitano de Pontevedra
Por Redacción |