Emilio Fernández e Pachi Reigosa confrontan as súas propostas para o campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Na xornada previa ao peche da campaña ás eleccións á Reitoría do vindeiro luns 23, o campus de Pontevedra acolleu o último dos debates nos que os candidatos Emilio Fernández, de Ideas que suman, e Pachi Reigosa, de Horizonte 2040, expuxeron as súas propostas e visións sobre o futuro da Universidade de Vigo.
Reigosa e Fernández estiveron acompañados polos membros do seu equipo propostos para ocupar a vicerreitoría do campus, Jorge Soto, no caso de Horizonte 2040, e Juan Manuel Corbacho, de Ideas que suman, que se sumaron ao segundo bloque do debate, centrado no campus pontevedrés.
Emilio Fernández e Juan Manuel Corbacho salientaron a súa aposta pola especialización e polo Campus Crea S2i poñendo en valor a transversalidade e variedade das titulacións que se imparten en Pontevedra e que implican "moitas fortalezas" para logo abordar unha serie de obxectivos e medidas, como, en materia de investigación, "ir sumando capacidades" e tratar de avanzar "cara unha agrupación estratéxica que nos permita ir con garantías a convocatorias" de financiamento de proxectos de investigación, tomando como "punto de partida" o programa de doutoramento en Creatividade e innovación social e sustentable.
Ademais, falaron de impulsar a innovación social e dar visibilidade "ao talento que se está xerando neste campus" e potenciar as relacións coa contorna foron outras das medidas salientadas pola candidatura Ideas que suman, que avogou nese senso por "poñer en marcha unha carteira para empresas de servizos de formación específica" nos ámbitos representados nos diferentes centros.
No eido da internacionalización apostaron por impulsar dobres títulos con "universidades de prestixio", propuxeron impulsar "unha rede que agrupe" aos egresados e apostaron por seguir avogando pola cultura desde unha óptica transversal, ao tempo que salientou que Pontevedra é un "campus conectado á cidade" e o "único de España que conta coa bandeira verde" do programa Green Campus.
Pachi Reigosa e Jorge Soto, pola súa banda, propuxeron que o campus de Pontevedra ten que fortalecerse "a través da especialización", poñendo en valor tanto o Campus Crea como o seu programa de doutoramento.
"Pero non chega, fan falla máis sinerxías", engadiron os candidatos de Horizonte 2040, para quen é preciso estudar "outras titulacións de grao e posgrao" e a necesidade de "recuperar servizos que xa tiñamos e perdemos" como a oficina de orientación laboral para o alumnado.
Tamén puxeron en valor a contorna da Xunqueira apostando por impulsar actividades de extensión cultural e deportiva que permitan "atraer á cidadanía", pola mellora do ximnasio do Pavillón Universitario e por unhas olimpíadas universitarias e unha regata de traíñas no Lérez.
O estudo de "novos espazos" despois de que coa crise "non se puidese facer" o proxecto de nova sede para Belas Artes foi outras das cuestións apuntadas para facer "un campus inclusivo e agradable".
A análise feita pola candidatura Horizonte 2040 apuntou que a súa sensación "é que somos un campus de segunda división", motivado pola carencia de determinadas infraestruturas e servizos, e lamentaron a "falta de ilusión" que percibiron no seu percorrido polos centros. Falaron ademais do distanciamento que ao seu xuízo ten a comunidade universitaria respecto da Casa das Campás, "que é máis a embaixada para a cidade que un edificio para o campus".
Relacionadas:
-
Captar alumnos en países de fala hispana e Brasil, reto do novo reitor da Universidade de Vigo
Por Redacción |
-
Pachi Reigosa, novo reitor da Universidade de Vigo e Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Os narcos inspirados en Fariña arrasan nas eleccións ficticias do campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os dous candidatos a rector debatirán no campus de Pontevedra
Por Redacción |