A área sanitaria de Pontevedra disporá dun Consello Asesor de Pacientes
Por Oskar Viéitez
O xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, mantivo este mércores un encontro con representantes de 23 asociacións de pacientes aos que informou que no momento no que a Consellería de Sanidade proceda a regulalo, a dirección porá en marcha o procedemento para constituír o Consello Asesor de Pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
A participación da cidadanía na xestión do sistema sanitario público de Galicia implica un instrumento de cooperación e información para a mellora da saúde e do benestar colectivo, polo que a xerencia entende que dispoñendo das suxestións, inquedanzas, necesidades dos pacientes e incluso o seu asesoramento, se poderá planificar e optimizar a actividade e dos servizos asistenciais da área sanitaria.
Así, unha das principais funcións deste órgano será asesorar sobre todos aqueles aspectos, actividades, procedementos ou recursos que teñan ou poidan ter impacto sobre o benestar dos pacientes e as súas familias.