Comeza a rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo
Por Redacción
As obras da primeira fase do proxecto de rehabilitación das dez vivendas de promoción pública emprazadas nas antigas casas dos mestres anexas ao colexio San Xoán Bautista de Cerdedo, veñen de poñerse en marcha tras cumprir con todos os trámites administrativos, o replanteo e os traballos previos e de superarse a adversa climatoloxía das últimas semanas.
Esta primeira fase, que foi xestionada polo goberno local coa Consellería de Infraestruturas e o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), conta cun orzamento de 353.000 euros e consistirá no acondicionamento integral da cuberta de todo o inmoble e dos espazos comúns destas instalacións e na restauración completa de dúas das casas que conforman a edificación, situada entre os números 25 e 43 da localidade cerdedense.
A rehabilitación suporá unha mellora global destas vivendas, que contan con dúas plantas dotadas de cociña, salón, cuarto de baño, tres habitacións e unha pequena zona axardiñada na parte traseira.
As obras contan cun prazo de execución estimado de nove meses, polo que se agarda que estean rematadas a finais de ano ou, se houbera algún atranco por cuestións meterolóxicas ou alleas, a comezos de 2019. Tras a súa conclusión, adicaranse, nun réxime especial e beneficioso, a persoas dos colectivos con maiores dificultades de acceso á vivenda no marco das distintas accións municipais emprendidas contra a recesión demográfica.
Adicaranse ás persoas dos colectivos con maiores dificultades de acceso á vivenda
Tras este investimento, o goberno local xa está a traballar coa Xunta na execución da segunda fase, que contemplará a restauración das oito vivendas restantes cun custo duns 750.000 euros, que elevará o orzamento total deste proxecto a 1,1 millóns de euros. O executivo agarda que estas novas obras se liciten neste mesmo ano e poidan comezar no seguinte exercicio.
O vicepresidente municipal, José Balseiros, valorou moi positivamente o arranque desta actuación "xa que supón un chanzo máis na nosa política de vivenda e de aposta pola mellora da calidade de vida da xente" e ademais engadiu que esta obra "exemplifica unha vez máis o forte nivel de investimentos que acadamos coa nosa xestión coas administracións e que se vai seguir vendo co inicio inminente de moitas obras coa chegada do bo tempo".
Relacionadas:
-
Medio Ambiente inicia o proceso para adxudicar dúas vivendas sociais en Cerdedo
Por Redacción |
-
Últimos días para solicitar un aluguer social nas antigas vivendas dos mestres de Cerdedo
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade disporá xa este ano de dúas vivendas sociais
Por Oskar Viéitez |
-
Este mes comezará a rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo
Por Redacción |
-
Paso decisivo para reformar as antigas vivendas dos mestres de Cerdedo
Por Redacción |