A Escola Naval Militar celebrará en xuño o 75 aniversario da súa chegada a Marín
Por Redacción
Este ano 2018 celébrase o 75 aniversario do establecemento da Escola Naval Militar en Marín (1943-2018). O comandante-director, José María Núñez Torrente, informou dos actos previstos para esta conmemoración enfocados principalmente a mostrar o agradecemento da Armada e a Escola Naval Militar á vila de Marín.
Deseñouse un programa sinxelo, a nivel comarcal, que arranca o venres 1 de xuño coa segunda edición da carreira escolar "Botón de ancla", para alumnos de colexios da comarca.
Esta actividade deportiva, en colaboración o Concello de Marín, terá como escenario e parte integral do percorrido, tanto o recinto militar da propia escola como o centro urbano de Marín. Trátase dun evento moi similar ao que se celebrou o ano pasado, con motivo do 300 aniversario da creación da Real Compañía de Guardiamarinas e que tivo unha gran aceptación entre os escolares.
O sábado 2 de xuño desenvolverase a actividade central da celebración do 75 aniversario cun acto castrense na Escola Naval Militar, ao que se convidará a participar a toda a cidadanía de Marín e os seus arredores. Para o mellor goce deste desfile militar habilitaranse as mesmas bancadas que habitualmente se utilizan para os familiares dos alumnos no acto do día do Carme e que nesta ocasión ofreceranse a todos os veciños que desexen asistir, para o que o acceso á Escola Naval Militar será totalmente libre.
No transcurso do devandito acto, está previsto que o Concello de Marín doe unha nova bandeira á Escola Naval, e teña lugar unha Xura de Bandeira dos Reservistas Voluntarios e de toda a poboación civil da comarca que así o desexe e previamente solicitárao.
Finalmente, o domingo 3 de xuño será unha xornada de portas abertas, cunha exposición de material (Infantería de Mariña, Mergullo, Seguridade Interior, e demais) e un percorrido polas instalacións da escola, incluíndo o Pañol Histórico e acceso ao Bazar. Ademais programaranse actividades para os máis pequenos que acudan a esta visita.
Ese mesmo día, os eventos completaranse cun concerto da Unidade de Música da Escola Naval Militar en Marín, en lugar pendente de coordinar co Concello.
NOVO DIRECTOR
José María Núñez Torrente deu conta destes actos no transcurso dunha recepción aos representantes dos medios de comunicación. Durante este encontro, o comandante-director adiantou que xa foi nomeada a súa substitución á fronte da Escola Naval: o capitán de navío, Ignacio Cuartero Lorenzo, aínda que de momento non se estableceu a data no que terá lugar o mesma.
Relacionadas:
-
O comandante director da Escola Naval Militar despídese dos marinenses
Por Redacción |
-
A Escola Naval invita a todo Marín a celebrar o seu 75 aniversario
Por Redacción |
-
Os alumnos da Escola Naval estrearán os novos laboratorios neste trimestre
Por Oskar Viéitez |
-
Xura de bandeira a cuberto para 64 alumnos da Escola Naval
Por Redacción |