Os produtos innovadores ideados por 150 estudantes, en 30 carteis
Por Redacción
30 ideas de innovación de produtos ideados por 150 estudantes se plasman nos carteis que integran a exposición Talento creativo e innovador, que desde este martes preside a cristaleira do comedor de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Inserida no programa de actividades da Semana Internacional da Creatividade e da Innovación, que nesta xornada promoveu tamén unha sesión de traballo sobre transferencia na Casa das Campás, a exposición mostra os resultados do traballo que 150 estudantes dos tres graos que se imparten no centro desenvolveron nun seminario que realizan no marco de diferentes materias relacionadas coa dirección de empresas e o márketing e as habilidades directivas.
O traballo estaba dirixido a achegar ao alumnado aos conceptos de creatividade e innovación a través dun caso práctico, no que divididos en grupos tiñan que xerar en primeiro termo, unha serie de propostas de innovación de produtos, unha fase da que saíron preto de 1.500 ideas, explican os responsables da exposición.
A partires de aí, a actividade abranguía o filtrado das ideas e a selección dos 30 proxectos a desenvolver, xunto co seu plan de márketing e de comunicación.