A reforma do aparcadoiro do estadio de San Pedro, a un paso de estar rematada
Por Redacción
A chegada do bo tempo permitiu que este martes 17 comezaran os traballos de pintado das prazas de aparcadoiro do stadio municipal de San Pedro. Desta forma complétanse as obras que se iniciaron co asfaltado de toda a superficie.
O goberno local agarda que ao longo desta semana remate o pintado.
Este espazo de aparcadoiro é empregado polos usuarios do campo de fútbol e das instalacións do pavillón da Raña. Con esta reforma, segundo expoñen desde o Concello de Marín, poderase aparcar con máis comodidade e mellórase o acceso a estes espazos deportivos.
EXPROPIACIÓNS DO RÍO LAMEIRA
O goberno local de Marín tamén continúa co expediente de contratación da segunda fase da mellora do comportamento hidráulico do río Lameira. E neste proceso leva a cabo agora o procedemento de expropiación das propiedades afectadas con motivo da execución das obras que se contemplan no proxecto de execución.
Trátase de sete propiedades cuxos propietarios recibirán en conxunto unha cantidade de 16.941 euros. O levantamento de actas de ocupación destas leiras levará a cabo o 23 de maio ás 10.00 horas no Concello de Marín.