Ponte Caldelas recibe 22 ofertas para varias obras no rural valoradas en case 175.000 euros
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas apura os últimos trámites para adxudicación das obras de pavimentación e mellora de sete estradas e pistas municipais. As actuacións son as primeiras que se licitan no marco da nova Lei de Contratos.
O equipo de goberno tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) destaca que a saúde económica de Ponte Caldelas, despois de tres anos de consolidación das contas municipais, permite agora facer investimentos necesarios para mellorar un viario que atopou en moi malas condicións ao comezo do mandato. Ademais, engade, está previsto facer outras dúas grandes adxudicacións antes de que remate o ano, co que se terá actuado sobre máis de 30 camiños rurais.
A este primeiro grupo de obras, que se licitan por un importe global de 173.878 euros, concorreron un total de 22 ofertas, entre elas algunhas empresas de ámbito estatal. As contratas están divididas en dúas licitacións separadas, a primeira delas subdividida, á súa vez, en tres lotes.
A obra con maior orzamento, cun tipo de saída de 51.010 euros, é o remate da estrada municipal que une Chaín con Barbudo, unha actuación iniciada xa o ano pasado polo lado de Barbudo e que agora continuará ata chegar a Chaín. A pavimentación, ademais de unir os dous núcleos, permitirá o acceso de xeito correcto a todos os terreos forestais da comunidade de montes de Chaín.
A segunda licitación está divida en tres lotes e alcanza un orzamento total de 122.868 euros. Permitirá solucionar vellas reivindicacións veciñais en camiños moi transitados:
O primeiro lote agrupa a mellora de dous camiños, situados en Caritel e na Insua, que inclúen o pavimentado e a instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais. O orzamento é de 27.127 euros.
O segundo lote significa a pavimentación e mellora dos camiños principais de Santa Ana (Buchabade), Tourón (segunda fase que continúa a obra iniciada este ano) e un terceiro en Avecil. O tipo de saída na licitación é de 48.150 euros.
O terceiro refírese ao camiño municipal que dá acceso á capela de Santa Comba e que comunica os núcleos de A Insua e Rebordelo. O orzamento de saída alcanza os 47.591 euros.