A Xunta adxudica a reforma do firme da variante de Marín, a PO-315 e a PO-551
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda acaba de adxudicar as obras de reforzo do firme da variante de Marín (VG-4.4) e as estradas PO-315 e PO-551.
Nestas actuacións o goberno autonómico investirá case 590.000 euros, cun inicio previsto para o próximo mes de maio. Foron adxudicadas á empresa Nexia Infraestruturas e dispoñen dun prazo de execución de 4 meses.
O proxecto define reparacións do firme que permitan prolongar a vida útil do pavimento destas estradas, ao seu paso por Bueu, Cangas, Pontevedra, Marín e Moaña.
Na estrada PO-315, entre Bueu e Cangas, realizaranse reparacións do firme ao longo de toda a estrada mediante fresado e reposición ou extensión de microaglomerado.
Na PO-551 traballarase na rehabilitación da capa de rodaxe mediante a extensión de microaglomerado en numerosos tramos da estrada, nos municipios de Marín, Bueu, Cangas e Moaña.
Por último en canto á variante de Marín ( VG-4.4) repararase o firme mediante fresado e a reposición entre o quilómetro 0 e 4,4, nos concellos de Pontevedra e Marín.