Feijóo, "orgulloso" do pasado do PP frente a partidos que son "herdeiros da nada"
Por Alejandro Espiño
Non esquecer o pasado para mirar cara ao futuro. Baixo esa premisa, o Partido Popular de Pontevedra celebrou unha emotiva homenaxe a un cento de alcaldes e concelleiros xa falecidos. Foi na Finca Batacos (Salcedo), onde se lembrou a homes e mulleres dos que Alberto Núñez Feijóo asegurou estar "orgulloso".
O líder dos populares galegos presidiu esta homenaxe, acompañado da presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e o presidente provincial do PP, Alfonso Rueda. Este último destacou que aos seus antecesores desde o partido "debiámoslles unha merecida homenaxe" pola súa vocación de servizo público "a cambio de nada".
Todos eles, engadiu, dedicaron "moitas horas do seu tempo" para traballar polos seus veciños, "rodeados de incomprensión" e en circunstancias "moi difíciles", a pesar do cal "tiraron dun partido polo que niguén apostaba" e que, co paso dos anos, converteuse na primeira forza política de Galicia.
"Foi moi duro para eles e polos sacrificios que supuxo para as súas familias", explicou Rueda, xa que os achegados destes políticos, dixo, "saben máis que ninguén" o sacrificio, o traballo e as "renuncias" que tiveron que aceptar para "modernizar" Galicia.
O propio Rueda emocionouse lembrando o seu pai, José Antonio Rueda Crespo, senador entre 1982 e 1989 e vicepresidente da Deputación de Pontevedra con Mariano Rajoy de 1983 a 1986, e que xunto cos seus coetáneos, dixo, "viviu momentos moi duros" e que sempre lle dicía "que non me metera en política, que dá moitos desgustos".
"Hoxe sei que onde estea estará orgulloso do que fixemos e de que os esteamos a recordar", concluíu o presidente do PP de Pontevedra, que sinalou que os populares "sabemos de onde vimos, sabemos quen eran vos que estaban antes e ou que fixeron", fronte aos partidos da " nova política" que cren, dixo, "que detrás deles non había nada".
Ana Pastor, pola súa banda, destacou que esta homenaxe foi "tremendamente emotivo" ao estar dedicado a persoas "que ya no están" e que, ao longo dos anos, "dejaron tanto" por un partido "que construyeron desde la base", desde os concellos onde, segundo Pastor, "se hace la verdadera política".
Os actuais dirixentes, dixo, teñen a "gran responsabilidad" de "aumentar este legado" e "hacer honor" ao partido que os seus antecesores "nos dejaron en herencia".
FEIJÓO, ORGULLOSO DO SEU PARTIDO
A este sentimento tamén apelou Alberto Núñez Feijóo, que asegurou que no PP "estamos orgullosos do que fixemos ben e estamos comprometidos a rectificar o que fixemos mal", unha traxectoria "con acertos e con erros" que contrapuxo a partidos que son "herdeiros da nada".
Núñez Feijóo destacou que o PP é o "único" que pode organizar un acto destas características.
Noutros partidos, dixo, os homenaxeados "levarían anos purgados por un simple whatsapp do seu líder", non habería ninguén a quen galardoar "porque estarían nunha facción oposta aos actuais dirixentes ou formarían parte dunha escisión" ou non poderían recoñecer a ninguén do seu pasado "porque non teñen a ninguén".
A este respecto, dixo, "hai partidos que surxiron dá nada e como lles van ben as enquisas cren que representan o futuro do país".
Núñez Feijóo lamentou que "estea de moda presumir de non ter pasado" e, fronte a esa visión, defendeu a " tarxeta de presentación" que supón para o PP "nacer da democracia e ter crecido coa Constitución" e ser actualmente o partido que actúa como "garantía" da democracia e do estado de dereito en España.
"Hai quen cre que inventaron España no momento no que lles inscribiron no rexistro civil", sinalou o presidente galego, que quixo poñer en valor o traballo dos seus propios antecesores no cargo, Manuel Fraga e, especialmente, Gerardo Fernández Albor, cuxa "historia e realidade", dixo, está a ser "inxuriada e mancillada".
O PP, subliñou Feijóo, é o "partido democrático por excelencia" en España fronte a outros que "insultan os votantes" cando perden as eleccións, que como deputados "encobren o vandalismo na rúa" ou aqueles que "presumen" de romper unha foto do rei no parlamento.
"Non lle teñen respecto a ninguén, nin á xente, nin ás institucións, nin aos votantes, nin a si mesmos", criticou o presidente do Partido Popular en Galicia, que destacou para terminar a "unidade" do PP, demostrada "nos triunfos e nos erros" e grazas á cal, engadiu, o partido "ten un longo futuro" porque "non imos tirar a toalla".
Relacionadas:
-
O PP desvelará "en cuestión de días" o nome de "algúns" candidatos ás municipais
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Mellorar a coordinación entre administracións, obxectivo dun encontro de traballo do PP provincial
Por Redacción |
-
Núñez Feijóo dá a benvida ao PP de Pontevedra a sesenta "valientes"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |