As fincas de Cerdedo-Cotobade terán que estar limpas e rozadas antes de xuño
Por Redacción
Ata o 31 de maio. É a data límite que fixou o Concello de Cerdedo-Cotobade para que os propietarios das fincas e franxas de protección ante os incendios forestais teñan limpos e rozados os seus terreos.
O goberno vén de publicar un completo bando informativo, que se distribuirá polas 21 parroquias do termo, e comezaron a remitirse cartas a todos os domicilios.
Nestes documentos explícase que, en base á Lei 3/2007 de prevención de lumes forestais, os titulares de parcelas e terreos situados en solo urbano, urbanizable ou núcleo rural deberán telos nun axeitado estado de limpeza e coa masa vexetal rozada antes da citada data, que é cando se estima que se active a época de alto risco de incendios.
Ademais, engádese que tamén se deberán limpar os predios situados nunha franxa perimetral de 50 metros destes solos e os espazos situados ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións emprazadas a menos de 400 metros de terreo de monte.
Por último, engádese que no interior dos núcleos e nas citadas franxas de 50 metros tampouco poderá haber determinadas especies arbóreas, como piñeiros, acacias, eucaliptos, toxos ou xestas, e que as plantacións deben efectuarse respectando as distancias establecidas na Lei de Montes.
No bando explícase que o Concello vai emprender unha campaña de vixilancia para a comprobación destas medidas a partires do 30 de xuño e, no caso de detectar algún incumprimento, sexa de oficio o por algunha solicitude veciñal, procederase a efectuar unha comunicación específica ao propietario concedéndolle 15 días de prazo para a limpeza.
Os donos que obvien esta normativa poderán verse inmersos na incoación dun expediente sancionador que podería supoñer multas de entre 1.000 e 10.000 euros e ademais o Concello podería encargarse da execución subsidiaria e forzosa dos traballos de roza repercutindo posteriormente o custo ao propietario.
No caso de parcelas con dono descoñecido, poderá executarse unha expropiación forzosa sempre que o prezo, fixado polo valor catastral, sexa inferior ao da limpeza.
Ademais, lémbrase que, en caso de lume forestal, poderán repercutirse os gastos de extinción do mesmo ás persoas responsables de non atender á obriga de limpeza e xestión da biomasa forestal nas súas propiedades e polo incumprimento das distancias mínimas.