A Deputación destina máis de 2 millóns de euros ao plan de práctica laboral nas institucións
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres as bases do Plan de Práctica Laboral, con 48 bolsas na administración provincial e 152 bolsas para os 57 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
En rolda de prensa a presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou que a duración destas bolsas será novamente de seis meses prorrogables ata os doce meses e sinalou coma principal novidade o incremento en 40 euros da dotación económica para cada bolsa de traballo. Así, as persoas con titulación universitaria percibirán 840 euros ao mes e as persoas de ciclos superiores de formación profesional recibiran 740 euros ao mes.
Carmela Silva resaltou que este plan permite aos concellos "ter cubertas necesidades de persoal tan importantes como as que teñen que ver co ámbito xurídico, pois, moitas veces, senón fóra por este plan algúns concellos non terían recursos humanos suficientes para levar a cabo diferentes procedementos administrativos".
O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais dende o día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
CEN OBRADOIROS DE "DEPO EN MARCHA"
A Xunta de Goberno tamén adxudicou cen obradoiros do programa "Depo en marcha 2018" dirixidos a entidades de maiores, persoas pensionistas, prexubiladas, xubiladas e outras entidades sociais de 37 concellos da provincia.
Os principais obxectivos desta iniciativa da Deputación son, tal e como detallou a presidenta da institución, favorecer o "envellecemento activo" das persoas maiores da provincia a través de obradoiros que axudan a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade.
O obxectivo é mellorar a súa calidade de vida, establecer relacións sociais e fomentar a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer a súa independencia para evitar o illamento e situacións de soidade.
O ano pasado ofertáronse 100 obradoiros e foron 266 as entidades que solicitaron formar parte desta iniciativa na que participaron preto de 3.000 persoas da provincia.