O ex coordinador de Marea Pontevedra renuncia á acta de deputado
Por Oskar Viéitez
O ex coordinador de Marea Pontevedra, Xoán Hermida, anunciou este xoves en rolda de prensa a súa renuncia ao acta de deputado que lle correspondería no Parlamento de Galicia se dimite a parlamentaria de En Marea, Paula Quinteiro.
Hermida dixo que era "consciente" desde que se coñeceu o incidente que protagonizou a deputada de En Marea, Paula Quinteiro coa Policía en Santiago de Compostela que "os focos e o lume cruzado da contenda política ía poñerse sobre a miña persoa" debido a que é o seguinte na lista electoral desta formación. Neste contexto enmarca a filtración á prensa dun suposto enfrontamento coa Policía Local de Pontevedra cando o estaban multando.
"Obviamente non podo dimitir de nada porque non teño ningún cargo institucional", dixo Xoán Hermida. "Tampouco teño nada que rectificar porque non hai caso", engadiu. A súa decisión xustifícaa como unha "lección" pensando "na ética que debe ter En Marea".
"Eu sempre digo que non hai política sen ética", apuntou Xoán Hermida, que situou a súa decisión no contexto da "democracia europea" e reiterou o seu compromiso persoal con Marea Pontevedra e cos movementos sociais aos que pertence.
Xoan Hermida xa dimitira hai sete meses ao seu cargo de coordinador en Marea Pontevedra "porque as miñas obrigacións profesionais e persoais non me permitían atender ese posto" e igualmente, segundo explicou, por estas mesmas circunstancias agora tampouco podería desempeñar o labor na cámara galega.
O militante de Marea Pontevedra quixo facer unha reflexión "sobre a transparencia e a veracidade" confesando que el opina que un representante público, aínda que non é ese o seu caso, "non debe ter vida privada" e que se debe dar contas do que pasa "desde o minuto cero", algo que Hermida di ter feito no seu perfil público de Facebook cando tivo esas dúas multas por parte da Policía Municipal o día 5 de setembro, a primeira sanción por aparcadoiro indebido mentres levaba ao seu pai, con alzheimer e artrose múltiple a un centro de maiores próximo, e a segunda infracción foi por non levar posto o cinto de seguridade.
A primeira multa pagouna pero a segunda está recorrida nun contencioso e foi obxecto dun escrito dirixido ao intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, no que protesta pola actitude que tiveron os axentes municipais. Esta queixa derivou na apertura dun expediente informativo a un dos policías e é nese procedemento onde, segundo explica Xoán Hermida "o policía que antes non dixo nada, por tanto non hai atestado, na súa lexítima defensa inventa unhas declaracións" das que se fixo eco a prensa.
"O Concello de Pontevedra compórtase como un réxime soviético que persegue aos adversarios políticos", acusou Hermida
Xoán Hermida indicou que "hai que diferenciar entre documentos públicos e privados", un atestado policial como o referido a Paula Quinteiro é público, mentres que, segundo puntualizou, o expediente interno aberto a un funcionario é un informe privado, polo que ao ser filtrado á prensa "está a vulnerarse por parte do Concello de Pontevedra un dereito básico á privacidade", asegurou.
"Non é o primeiro caso que pasa", dixo en referencia á filtración que afectou á concelleira de Cidadáns nesta cidade, María Rey, que foi denunciada en 2014 por falsear unha tarxeta para persoas con discapacidade e así poder aparcar nas zonas reservadas para este colectivo.
"O Concello de Pontevedra compórtase como un réxime soviético que persegue aos adversarios políticos", acusou Hermida, circunscribindo esta actuación nun momento no que o goberno local do BNG "ten moito medo" a que Marea Pontevedra "lle poida arrebatar a Alcaldía da cidade".
Xoán Hermida non descarta que a súa queixa contra o Concello pola filtración poida derivar nunha denuncia penal.