Adxudicadas en Cuntis as obras para a mellora da rede de sumidoiros na Casiña
Por Redacción
O Concello de Cuntis adxudicou nas últimas horas a obra de saneamento para o lugar da Casiña, na parroquia de Arcos de Furcos. Á oferta presentáronse dez empresas e Construcións JyD Mesgo levou o contrato ao presentar un prezo de 56.186 euros.
Segundo expoñen desde o goberno local, nesta zona o sistema de depuración de augas residuais é moi antigo e presenta numerosas carencias. Ademais a rede de colectores atópase en moi mal estado e nela mestúranse augas pluviais con fecais. A depuradora tamén ofrece un sistema de funcionamento moi deficiente.
Para resolver esta situación quérese instalar novas canalizacións que leven o servizo a todas as vivendas situadas na Casiña, de forma que só entren as augas residuais e se anule a actual depuradora, conectando a rede coa depuradora de Piso, que será mellorada coa instalación dunha de máis capacidade.
Está previsto que a tubaxe actual se mantega para a evacuación de augas pluviais, segundo informan desde o grupo de goberno de Cuntis.