Os traballadores de Darty pechan as tendas en fase de liquidación para comezar unha folga indefinida
Por Redacción
Os traballadores da empresa de electrodomésticos Darty decidiron iniciar dende este luns 29 de abril unha folga indefinida. A firma francesa iniciou na segunda semana deste mes un período de liquidación da mercadoría que aínda estaba no interior das tendas.
A empresa formulara unha oferta interesante para entrar nas negociacións do despedimento colectivo. Non obstante, a semana pasada, a dirección só ofreceu 25 días por ano traballado e un máximo de 18 mensualidades, unhas condicións que non son do gusto dos empregados. A oferta resulta moi inferior aos Expedientes de regulación de emprego (ERE) realizados con anterioridade na empresa coa intención de alixeirar o equipo. Naqueles casos o acordo alcanzado chegara aos 33 días por ano traballado. Por este motivo, os traballadores decidiron iniciar este paro que podería complicar a liquidación do material.
En Pontevedra, a tenda contaba con seis empregados, catro vendedores e dous repartidores. Ata agora mantiñan aberta a tenda para intentar liquidar todos os electrodomésticos que se encontraban no interior. Hoxe, o establecemento permaneceu pechado cun letreiro no que se anunciaba a convocatoria da folga.