Os dous candidatos a rector debatirán no campus de Pontevedra
Por Redacción
O campus de Pontevedra acollerá o mércores 18 de abril o debate entre as candidaturas á Reitoría que concorren ás eleccións do 23 de abril. Emilio Fernández, encabezando Ideas que Suman, e Pachi Reigosa, liderando Horizonte 2040.
Os candidatos confrontarán as suas propostas para a comunidade universitaria no seu conxunto, abordando os dous candidatos a reitor cuestións de docencia, investigación, xestión e alumnado. Agárdase que tamén expoñan cuestións específicas do campus de Pontevedra.
Emilio Fernández avoga desde a súa candidatura por "un modelo absolutamente novo" e pola súa banda, Pachi Reigosa quere "outro xeito de gobernar". Agora terán que concretar o que significa.
Sobre a mesa, criterios de promoción docente, redución das horas presenciais, ampliación do mapa de titulacións, captación de talento foráneo e a retención de talento formado dentro da Universidade de Vigo, como premiar a investigación de calidade e como incentivar a investigación en grupos menos desenvolvidos, reducir a "hiperburocratización" administrativa, a administración electrónica, a relación de postos de traballo, a formación do persoal de administración e servizos, o fomento da súa empregabilidade do alumnado, a igualdade de oportunidades, as fórmulas para a súa captación e a súa participación na universidade.
Non poderán faltar cuestións propias deste campus que, de seguro, serán obxeto de debate este mércores 18.