Dous anos de cárcere por agredir un mozo cun vaso de cristal á saída dunha discoteca
Por Redacción
Dous anos de prisión. É a condena que impuxo a Audiencia de Pontevedra a un mozo de orixe ecuatoriana que agrediu a outro tirándolle un vaso de cristal na cara á saída dunha discoteca de Pontevedra, situada na rúa Benito Corbal.
A sentenza considera probado que ambos os mozos mantiveron unha pelexa no interior do local na Noiteboa de 2012. Tras o incidente, o acusado foi expulsado da discoteca pero decidiu esperar fóra á vítima. Cando esta saía do local, arroxoulle un vaso á cara desde douss ou tres metros de distancia.
Como consecuencia da agresión, a vítima tivo que someterse a varias intervencións cirúrxicas, sufriu numerosas secuelas con cicatrices na cara e perdeu visión no ollo afectado polo golpe.
Xunto coa pena de cárcere, o acusado deberá indemnizar ao mozo agredido con 87.441 euros.
A Fiscalía, inicialmente, pedía para el tres anos e medio de prisión por un delito de lesións e a súa expulsión do país. Tras o xuízo, modificou as súas conclusións e decidiu retirar esta última petición porque nos máis de cinco anos transcorridos desde os feitos que se lle atribúen demostrou ter arraigamento en España.
A Audiencia, con todo, absolve ás compañías aseguradoras da discoteca, citadas na causa ao entender o fiscal que o vaso co que se produciu a agresión procedía do interior da mesma, polo que o local era responsable civil subsidiario.
A sentenza conclúe que "non se acreditou" que o acusado sacase o vaso de cristal da discoteca, "nin é probable que o fixese" pola forma na que o porteiro o levaba suxeito cando foi expulsado tras pelexarse coa vítima.
O acusado, unha vez no exterior, "puido facerse facilmente cun vaso de cristal", entenden os maxistrados, ao non resultar "infrecuente" atopar vasos abandonados nas inmediacións das discotecas e locais de copas.
Ademais, lembran que a agresión se produciu no exterior das instalacións polo que "ningún control pódese exercer sobre o mesmo nin por parte da propiedade da discoteca nin por parte do persoal por ela contratado".