A Deputación e a Xunta continúan enrocadas na polémica sobre a comarcalización do Parque de Bombeiros
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido
Luís Menor, director xeral de Emerxencias e o deputado Carlos López Font coincidiron na sinatura dun convenio na Deputación Provincial e debateron sobre a fórmula para elaborar un mapa de atención das urxencias en Pontevedra e Vigo. Estes dous responsables da Deputación e da Xunta destacaban a importancia da cooperación institucional en relación á entrega que a través do Consorcio Provincial contra Incendios realizábase de máis de 3.000 detectores de fume doméstico destinado a varios concellos da provincia coa idea de que se repartan en domicilios de persoas de idade avanzada. Ambos dirixentes fundíronse nunha aperta ao atoparse na sala de comisións da Deputación.
Con todo, Luís Menor e Carlos López Font entraron en debate ante os micrófonos ao ser preguntados polo futuro da comarcalización dos parques de bombeiros de Pontevedra e de Vigo para ofrecer unha mellor cobertura a todos os Concellos en casos de emerxencia. Para o director xeral de Emerxencias, a idea de comarcalización destes dous parques debe ser aprobada polo consorcio provincial para despois ser trasladada aos alcaldes dos dous Concellos máis importantes da provincia. Pola súa banda, Carlos López Font entende que a idea parte do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que, por tanto, debe ser a administración autonómica quen se poña en contacto con Miguel Anxo Fernández Lores e Abel Caballero para tentar establecer as bases para a comarcalización dos dous parques municipais.
Luís Menor chegou a admitir que se estudará esa opción unilateral pero manifestou que non entendía os motivos polos que era necesario actuar de maneira distinta a como se está a resolver este problema en Santiago, Ferrol e Ourense. Por este motivo, reclama que a Deputación debe ir da man coa Xunta a negociar a comarcalización deste servizo, mentres que desde o goberno da institución provincial consideran que esa proposta debe realizala unicamente a Xunta para despois ser aprobada polo consorcio provincial.
Ambos admitiron que as posturas entre as dúas administracións atópanse enfrontadas á espera de novos encontros para tentar levar a cabo un mapa de emerxencias para a provincia.
Relacionadas:
-
A Xunta pon no tellado do Concello de Pontevedra fixar unha reunión para falar da comarcalización dos bombeiros
Por Redacción |
-
Un estudo da Deputación constata que as emerxencias están peor cubertas no interior da provincia
Por Natalia Puga |
-
A Xunta tratará directamente con Pontevedra e Vigo a comarcalización dos seus bombeiros
Por Redacción |
-
Os bombeiros celebran a súa festividade co director xeral de Emerxencias e a ollada posta na comarcalización
Por Anxo Lourido |
-
O PP de Poio pon en marcha unha campaña a favor da comarcalización dos bombeiros
Por Redacción |
-
Deputación encarga un estudo "exhaustivo" sobre as emerxencias na provincia
Por Redacción |
-
Rueda contactará "este mesmo mes" con Pontevedra pola comarcalización dos bombeiros
Por Alejandro Espiño |