Diagnostícanlle gastroenterite en A Parda, pero resultou ser apendicite
Por Redacción
Este martes presentouse unha reclamación no Centro de Saúde A Parda por parte de persoas achegadas a un paciente de vinte anos ao que lle foi diagnosticada unha gastroenterite este sábado no centro sanitario, cando en realidade padecía unha apendicite aguda pola que tivo que ser intervido horas máis tarde no Hospital Montecelo.
O mozo dirixiuse o sábado 7, ao redor das 21:45 horas, ás Urxencias do Centro de Saúde A Parda afectado por fortes dores na zona abdominal, febre e vómitos. Tras máis dunha hora na sala de espera, un problema cada vez máis habitual nas urxencias da cidade, foi chamado a unha das salas nas que os médicos pasan consulta. O afectado declara que o facultativo non só non o examinou, senón que nin sequera se levantou da mesa para efectuar un diagnóstico.
Tras consultar no ordenador os síntomas que anteriormente detallara o afectado ao persoal da recepción que se atopaba na entrada das urxencias, o damnificado declara que o doutor lle diagnosticou unha gastroenterite, mandouno a enfermeira a poñer dúas inxeccións para remitir a dor e os vómitos e lle entregou unha folla cunha dieta a seguir durante os seguintes días.
"Ni siquiera se levantó de la silla para examinarme, tampoco me tomó la fiebre"
"Gastroenteritis. Toma, que te pinchen esto. Vale, venga, adiós", foron as palabras que o perxudicado declara que lle dedicou o médico. Segundo explica, o doutor "ni siquiera se levantó de la silla para examinarme, tampoco me tomó la fiebre". Ao día seguinte, ao ver que as dores non pasaran e que a febre lle subira, o mozo decidiu acudir ás urxencias do Hospital Montecelo, ao redor das 13.00 horas do domingo día 8.
Tras ser examinado polos facultativos, o paciente foi diagnosticado dunha apendicite aguda, que requeriu que fose intervido quirúrxicamente en torno ás 20.00 horas da tarde, por non atoparse en xaxún. Segundo os médicos, dada a gravidade da inflamación sufrida, o paciente terá que permanecer ingresado e con antibióticos no Hospital Montecelo ata, polo menos, o xoves 12. Despois de que unha persoa achegada ao paciente denunciara os feitos nas redes sociais, máis de 300 persoas mostraron o seu apoio ao afectado.
Esta queixa súmase a presentada fai uns días por Judith Meiriño, nai dun bebé de quince meses que denunciou que no Centro de Saúde A Parda negáranlle por cuarta vez atención ao seu fillo, por encontrarse o seu pediatra titular de baixa. Tras publicar os feitos nas redes sociais, o seu vídeo foi visto máis de 16.000 veces e compartido por 800 usuarios.