![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e8a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5acb9bd820-5acb96e476-conta-solidaria-caritas2.jpg)
© Concello de Ponte Caldelas
Ponte Caldelas dá por pechada a campaña solidaria en beneficio dos afectados polos incendios
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A campaña solidaria posta en marcha polo Concello de Ponte Caldelas e Cáritas para recadar fondos para as persoas damnificadas polos incendios do mes de outubro rematou co reparto dos fondos recollidos na conta solidaria ás familias máis prexudicadas.
Segundo informou o Concello de Ponte Caldelas a través dun comunicado, a conta solidaria recadou un total de 16.760 euros grazas á vaga de solidariedade que chegou dende diferentes puntos de España.
O Concello e Cáritas fixeron unha valoración social das familias a partir dos seus ingresos, unha valoración técnica das perdas e unha valoración humana. En base a esas valoracións repartíronse os fondos recadados. Iso si, utilizouse o criterio de non repartir cartos, senón de repoñer os efectos e, na medida do posible, adquirilos no comercio local.
Froito da inquedanza das institucións e a sociedade caldelá, decidiron non facilitar nin a identidade das persoas beneficiadas nin a listaxe dos bens doados, en estrito respecto da súa intimidade e dignidade.
Entre os doantes figuran a Asociación de Veciños de Santa María de Pazos de Borbén, a asociación de comerciantes Coempo, o colexio de A Lama, o colexio Antamirano (Madrid), a empresa Carlin e, moi especialmente, a asociación Ponte Caldelas Solidaria. Tamén o propio Concello de Ponte Caldelas, que correu con gran parte dos gastos de organización do Festival Solidario.