O goberno de Cerdedo-Cotobade apoia as protestas dos veciños de Quireza contra a Deputación
Por Redacción
A parroquia cerdedense de Quireza e a súa contorna celebraron unha xuntanza para abordar o estado da mellora da estrada provincial EP-7102, Serrapio-Quireza-Portela, xa que consideran insuficiente o proxecto plantexado pola Deputación de Pontevedra e no transcurso da mesma os lugareños solicitaron, como primeiras medidas, o apoio do Goberno Local ás súas demandas de ensanchamento ata os 9 metros, e a colocación de pancartas reivindicativas.
Na xuntanza, o vicepresidente municipal, José Balseiros, acompañado polo presidente, Jorge Cubela, e seis membros do goberno local, explicaron que a Deputación plantexa un ensanche ata os 7 metros.
"Traballamos arreo na defensa dos vosos intereses e dos de todo o concello, que ademais correspóndense cunhas demandas completamente razoables, pero foi como petar contra unha parede. Fomos prudentes, agardamos o que fixo falta e insistimos, pero non hai absolutamente nada que facer. A Deputación tomou unha decisión e non a vai mudar porque esta zona e o rural non lle interesan o máis mínimo", detallou Balseiros.
"O sentido común, e tamén os técnicos, din que este vial debe chegar aos 9 metros para ser completamente seguro pola sinuosidade que ten e tamén é necesario ampliar as dúas pontes e mellorar o firme máis cos dous quilómetros proxectados, pero non se vai facer porque non queren investir aquí e para elo utilizan argumentos falaces, como que o tráfico deste vial é de só 16 vehículos diarios, algo que todos sabemos que é mentira", proseguiu o vicepresidente, que se amosou convencido de que "a única posibilidade de que se atendan as nosas demandas pasa por un cambio de goberno provincial o vindeiro ano".
Tras estas explicacións, e despois de deixar claro que apoiarán todas as iniciativas veciñais, abriuse unha quenda de intervencións entre os máis de medio cento de asistentes, que, malia as poucas posibilidades de que se atendan as súas demandas, solicitaron a convocatoria dun pleno no que se visibilice o apoio da corporación municipal ás súas reivindicacións e que os acordos do mesmo se trasladen á Deputación de Pontevedra.
"Tomaron unha decisión e non a van mudar, pero, coma sempre, estamos cos nosos veciños, e máis neste caso que é de xustiza, e imos deixar claro o noso total desacordo con esta decisión", manifestou Balseiros.
Relacionadas:
-
O PP insiste en ensanchar a 9 metros unha estrada pola que só pasan 17 vehículos ao día
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación finaliza a obra de mellora da estrada provincial Serrapio-Portela
Por Redacción |
-
O pintado da estrada provincial Serrapio-Portela, pendente da chuvia
Por Redacción |
-
Piden que a estrada Serrapio-Quireza-Portela se ensanche e que se amplíen dúas pontes
Por Redacción |