A empresa que iluminou o Nadal pontevedrés pagará unha sanción de 626 euros ao Concello
Por Redacción
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra decidía este luns resolver o expediente aberto á empresa Umia, encargada da iluminación das festas do Nadal, e vai imporlle unha sanción económica que ascende a 626 euros, o 2% do contrato, que alcanzaba a cifra de 31.339 euros. É a máxima sanción que se lle podía aplicar, segundo as bases da adxudicación.
As queixas recollidas sobre a escaseza na iluminación durante estas festas provocou a reacción por parte do goberno local cara a esta empresa que, segundo expoñía o portavoz municipal Raimundo González, atopábase nun "proceso de xubilación" e o cambio na xestión causou o problema no funcionamento da empresa. As queixas veciñais obrigaron a que a empresa, tras a queixa oficial, completara a iluminación inicial.
O representante do goberno local sinalaba que esta empresa tamén se encargou durante os dous últimos anos da iluminación das festas do Entroido, do Nadal e do Verán, sen que ata este nadal incumprise co establecido no contrato co Concello.
O Concello atópase nun período de elaboración do novo contrato para a instalación de iluminación nas festas. No novo documento quérese recoller o deseño e a calidade do produto final.