Os socialistas culpan ao Goberno Local da "perda de peso" de Marín
Por Oskar Viéitez
O PSdeG-PSOE de Marín critica o estado actual do Parque Azul. Din que "o desleixo, falta de mantemento e vixilancia, están a facer deste un espazo depauperado no que reina o incivismo".
Mesmo apuntan que moitos veciños teñen "medo de entrar pola noite e a acumulación de lixo transmite unha imaxe noxenta e provoca múltiples perigos, sobre todo para os nenos, debido aos cristais e materiais perigosos alí verquidos".
Os socialistas acusan á alcaldesa María Ramallo e ao Partido Popular no seu conxunto da "falta de compromiso cos veciños" nun mandato que ata o momento parécelles "nefasto para os intereses dos marinenses".
Aseguran que Marín está "perdendo peso dunha forma constante na súa contorna, non tendo proxecto ningún para o municipio e aínda por riba, mantendo nun estado lamentable moitas zonas, tanto do núcleo urbán coma do rural".