Comeza a exposición pública dos carteis e fotografías do concurso da Festa da Troita
Por Redacción
A veciñanza de Ponte Caldelas ten a palabra para decidir, entre os días 9 e 13 deste mes de abril, os traballos gañadores dos concursos de carteis e fotografía da LII Festa da Troita.
Unha vez pechado o prazo de presentación e reunido o xurado, que preseleccionou tres carteis e nove fotografías, comeza a fase de votación popular.
As obras estarán expostas na Casa da Cultura de xeito anónimo, toda vez que carteis e fotografías só se identificarán pola orde de presentación no rexistro municipal e polo lema escollido polos autores. Únicamente aparecerán referenciadas as preseleccionadas polo xurado.
As persoas interesadas en votar deben ser maiores de idade e estar empadroadas en Ponte Caldelas. Poden facelo presencialmente na Casa do Concello ou na Casa da Cultura, así como a través da sede electrónica municipal co formulario xenérico de solicitudes. A votación será válida sempre que acade un mínimo de 25 votos, en caso contrario, prevalecerá o criterio do xurado. En caso de empate a votos tamén desempatará o criterio do xurado.
Un ano máis, o río Verdugo, sen esquecer á troita, foron os protagonistas temáticos do concurso. Os tres carteis preseleccionados levan por lema "Do río á mesa", "Buen salto" e "O cuarto elemento es ti". En canto ás fotografías, o xurado escolleu as tituladas "Augas cristalinas", "Outono no Verdugo", "Os segredos do río Verdugo", "Reflexos na ribeira", "Paseando polo Verdugo", "O paraíso das troitas", "O marmurio do río...", "Cando as troitas dormen" e "Fonte dourada".
O xurado estivo presidido polo alcalde, Andrés Díaz, e formado polos concelleiros Lito Muíños, Alfonso Gutiérrez e o fotógrafo Juan Luis Bascoy. Un total de 130 traballos concurriron a estes dous concursos, xunto co concurso de Redacción, destinado a escolares do municipio.
Os gañadores obterán premios económicos de 400 euros para o mellor cartel, e de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, para as tres mellores fotografías. O concurso de Redacción, pola súa banda, está dotado cunha tableta electrónica para cada gañador nos colexios Cordo Boullosa e A Reigosa.