Ferido un home de 63 anos nun atropelo nun paso de peóns en Marín
Por Redacción
Un home de 63 anos tivo que ser trasladado ao Hospital Domínguez de Pontevedra para ser atendido polas feridas sufridas como vítima dun atropelo en Marín.
O accidente produciuse, segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, as 8.44 horas na rúa Jaime Janer, á altura da sucursal bancaria de Banesto.
Ao lugar trasladáronse unha ambulancia do 061, a Policía Local e Protección Civil de Marín. Segundo algúns dos intervenientes, o atropelo produciuse nun paso de peóns.
O ferido quedou tirado na calzada en medio do paso de peóns e alí recibiu unha primeira asistencia polo persoal dunha ambulancia asistencial do 061. Mentres tanto, a Policía Local regulou a circulación.