Crean unha comisión para axilizar a senda fluvial do río Fabaíños
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo e as tres asociacións de veciños do municipio involucradas na senda fluvial do río Fabaiños, as de Arra, Noalla e Adina, chegaron a un acordo para axilizar as cesións dos terreos necesarios para habilitar este carreiro.
Será unha comisión formada por cinco veciños, membros das tres asociacións, a que se encargarán de colaborar na localización dos aproximadamente 100 propietarios dos terreos afectados polo trazado da senda e das negociacións para lograr as cesións necesarias.
O goberno espera a máxima colaboración destes cen propietarios, que teñen na súa man facilitar a creación desta ruta, que contribuirá a mellorar os recursos turísticos de Sanxenxo, pero ademais permitirá unha revalorización dos seus terreos, tal e como sucedeu noutras rutas que se crearon na comarca do Salnés.
Trátase dunha ruta de sendeirismo de 4.655 metros, que percorrerá as inmediacións da canle, desde a contorna do mercado de abastos de Portonovo ata o cruceiro de Monte Faro.
A través desta ruta, o que se pretende é poñer en valor as oportunidades que brinda o rural de Sanxenxo, potenciando o seu aproveitamento como recurso turístico, ofrecendo alternativas de ecoturismo cada vez máis demandadas e, sobre todo, aumentando o valor da paisaxe tradicional da zona.
Está previsto que esta senda sexa incluída na rede de sendeiros de pequeno percorrido de Galicia, para o que é necesario que unha vez executada, se solicite a súa homologación pola Federación Galega de Montaña.