Revolución no centro de Ponte Caldelas con beirarrúas máis anchas e máis aparcamento
Por Redacción
Unha reforma integral. Así será a actuación que fará o goberno municipal no centro de Ponte Caldelas. O obxectivo é dar un impulso ao comercio local, tirando todo o partido dun centro urbano que "conta cun potencial aínda por aproveitar", segundo o Concello.
O proxecto permitirá crear 260 novas prazas de aparcamento no centro urbano, mellorar a seguridade viaria con algúns carrís únicos e coa limitación a 30 quilómetros por hora na arteria central e ampliar as beirarrúas máis estreitas nas que apenas se poden cruzar dous peóns.
Para complementar a inminente transformación do gran espazo da praza de España acometerase unha reforma do centro que, sen introducir grandes cambios, permitirá mellorar a circulación peonil e rodada, á vez que darán facilidades para atopar aparcamento.
Os cambios serán expostos nunha xuntanza que o equipo municipal celebrará o próximo luns coa directiva da asociación de comerciantes, Coempo.
As beirarrúas que gañan amplitude son Concepción Arenal, Rosalía de Castro, González Besada e avenida de Vigo. Case todas elas teñen pouco máis de medio metro de anchura, o que complica o cruzamento de dous peóns, especialmente en días de choiva, ou o paso das persoas con carros da compra ou de bebés.
A ganancia na capacidade de aparcamento vén dada pola creación de estacionamento en batería na avenida de Vigo a partir do último garaxe (200 novas prazas) e en liña antes dese punto. Tamén se crean espazos en batería na rúa Rosalía de Castro (10 prazas máis), González Besada (20 prazas máis) e no oco central da explanada de Chan da Barcia (30 prazas máis).
En total, unhas 260 prazas que se suman ás existentes, e que compensan sobradamente as menos de 20 que van desaparecer na praza de España, un espazo que o Concello quere dignificar "converténdoo nunha verdadeira praza que todos os caldeláns vexan con orgullo ".
En Concepción Arenal, dadas as súas dimensións, elimínase a beirarrúa con moi escaso uso que hai ao lado do parque da gardería e ludoteca, que conta xa cun vial interior restrinxido. Iso permitirá unha ampliación xenerosa da beirarrúa que está a carón dos edificios. Nese mesmo lateral manterase o aparcamento en liña para dar servizo ao supermercado e comercios.
O alcalde, Andrés Díaz, destaca con esta modesta reforma urbana dáse un paso decisivo para solucionar o histórico problema do aparcamento que arrastraba en Ponte Caldelas. Ademais, engade, era preciso acabar coas "mini-beirarrúas", tan pequenas que resulta habitual a estampa dos peóns camiñando pola calzada.
A reforma inclúe tamén a colocación de sinais de limitación a 30 quilómetros por hora no eixe formado pola avenida de Pontevedra e rúa da Ponte, onde tamén se solicitou da Xunta de Galicia, por tratarse dun vial autonómico, a colocación dun novo lombo.
Andrés Díaz recalca que as novas direccións únicas axudarán a dar máis fluidez á circulación, ao tempo que se mellora a seguridade viaria descargando o cruce central, agora moi saturado.
Pon o exemplo do tráfico entrante pola estrada de Laxoso, que agora baixará pola rúa do Bora Río (que cambia de dirección e pon fin á perigosa incorporación en costa actual) ou subirá por Lepanto, toda vez que González Besada queda de subida.
Ao mesmo tempo, ponse en valor o tramo final da avenida de Vigo ata case a ponte, hoxe infrautilizada, converténdoa nunha opción segura de aparcamento para os visitantes que se acheguen a Ponte Caldelas. Finalmente, refórzase a capacidade de Chan da Barcia.
"Creo que son cambios para que Ponte Caldelas avance na mesma dirección na que camiñan hoxe as cidades con máis pulo", destaca o alcalde, que sinala que ampliar beirarrúas, crear aparcamentos e implantar direccións únicas "son medidas que achegan máis seguridade e comodidade" para os visitantes e os propios residentes.
Relacionadas:
-
Licitan a humanización da Praza de España e a reforma dos xardíns de Xerardo Carballal
Por Redacción |
-
Reparan as filtracións que socavaban o subsolo da avenida de Galicia
Por Redacción |
-
A reforma urbana do centro de Ponte Caldelas, a partir de setembro
Por Redacción |
-
A contorna da Alameda de Ponte Caldelas prepárase para unha transformación
Por Redacción |