Adxudican a COVSA a mellora da estrada provincial de San Vicente do Grove
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres en Xunta de Goberno a adxudicación da "actuación integral de seguridade viaria e mobilidade sostible" na estrada provincial EP-9106 dende a EP-9101 ata a igrexa de San Vicente no concello do Grove á empresa Construcciones, obras y viales SA (COVSA).
Quedan aínda algúns flecos burocráticos a solucionar antes do inicio efectivo da obra: a empresa terá que presentar toda a documentación requirida no departamento de Contratación, asinar o contrato e entregar a acta de replantexamento.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que os técnicos do seu departamento e o Concello grovense xa están a estudar cal será o mellor cronograma para realizar as obras ante a cercanía da tempada de verán, cando a zona de San Vicente incrementa o seu número de visitantes.
O proxecto na EP-9106 executarase en 900 metros lonxitudinais entre o cruce coa estrada provincial EP-9101 e a igrexa de San Vicente. No primeiro e no terceiro treito crearase unha senda de 2,5 metros de largo delimitada por elementos de iluminación e con rodadura diferenciada de formigón. O segundo treito (390 metros) coincide coa zona de vivendas, e habilitarase unha plataforma única para a convivencia de peóns e coches.
Haberá prioridade peonil e os vehículos non poderán superar os 20 quilómetros hora. Como elementos de seguranza viaria instalaranse cinco lombos e dez redutores físicos de velocidade de vehículos.
Tamén se mellorará a contorna da igrexa de San Vicente do Grove. Alí redefinirase o espazo con novos pavimentos -adoquín e pedra- delimitados por bolardos para acceso exclusivamente peonil. Tamén se renovará a drenaxe, iluminación e xardinería, coa plantación de tres cipreses. A obra comprenderá tamén o retranqueo de muros de peche, sinalización e mobiliario urbano.