A CIG alerta da caída das pensións: un xubilado en 2018 cobra 20 euros anuais menos que en 2017
Por Redacción
O sindicato CIG calcula que en 10 anos a perda económica das pensións alcanzará un 20%. Indican que unha persoa que se xubilou en 2018 xa perdeu 20 euros respecto dun xubilado en 2017. Desta forma tentan mostrar a perda en poder adquisitivo que sofren tanto pensionistas como xubilados, unha situación que se verá agravada coa entrada en vigor do factor de sustentabilidade.
O secretario comarcal de CIG, Marcos Conde, acompañado polo portavoz dos xubilados da central nacionalista, Felipe Aragunde, anunciaron que están a levar a cabo asembleas e encontros con traballadores de distintos sectores para sensibilizalos sobre a necesidade de mobilizarse e reclamar pensións dignas ante a previsión de que seguirán devaluándose nos próximos anos.
Conde lamentou as declaracións da deputada popular Pilar Rojo ao falar de que dous de cada tres pensionistas veríanse beneficiadas polas melloras anunciadas por Mariano Rajoy. "Hai que ter vergonza", sinalou o secretario comarcal en referencia á integrante do PP. "Que non fagan publicidade subliminal", afirmou Aragunde, que sinala que a subida será de dous euros fronte aos incrementos desproporcionados que se rexistran nas distintas facturas.
Para reclamar salarios e pensións dignas, a CIG convocou unha concentración o próximo 15 de abril a partir das 11.30 horas na Praza da Ferrería.En Vilagarcía de Arousa tamén está prevista outra concentración ao mediodía ante a Casa do Mar. Esta vindeira semana o secretario xeral de CIG, Pablo Carril, manterá unha asemblea con delegados sindicais en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Os pensionistas volven á rúa: "Non nos fiamos" dunha suba que ven un "espellismo"
Por Alejandro Espiño |
-
A CIG propón que o Primeiro de Maio sexa unha antesala dunha folga xeral
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |
-
Un berro alto e claro en defensa das pensións
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
A asemblea de delegados de CIG reflexiona sobre a "necesidade" de convocar unha folga xeral
Por Natalia Puga & Paula Sanmartín |