Ponte Caldelas reparará os máis de trinta parques infantís do rural
Por Redacción
O goberno municipal de Ponte Caldelas puxo en marcha un plan integral de reparación dos parques infantís que ten espallados polas parroquias do rural. Os dous parques que hai en Silvoso foron os primeiros en ser postos a punto pero vaise actuar nos máis de trinta que existen en todo o municipio.
O Concello explica que xa realizara algunhas reparacións durante os tres primeiros anos de mandato, actuando sobre algúns dos parques máis deteriorados.
Unha vez endereitada a economía municipal, os orzamentos incluíron varias partidas para obras de mantemento, entre elas unha destinada especificamente aos parques infantís, cunha dotación de 35.000 euros.
Esta previsión permitiu a adxudicación dun contrato para a súa mellora integral. Trátase da primeira vez que Ponte Caldelas acomete unha revisión destas características.
Andrés Díaz, acompañado polo tenente de alcalde, Enrique Vidal, visitaron as obras realizadas en Silvoso de Arriba -onde o parque mesmo estaba pechado e precintado por seguridade diante do seu mal estado- e Silvoso de Abaixo.
En ambos realizouse unha actuación en profundidade para tratar os elementos metálicos e de madeira, eliminando todo tipo de defectos. Ademais repuxéronse as pezas e elementos que faltaban e procedeuse a un pintado e a unha limpeza xeral.
O alcalde explicou que comezaron por Silvoso porque é un dos lugares con máis nenos, especialmente da parroquia da Insua, pero as obras irán percorrendo a totalidade das áreas infantís para acabar así co seu estado de abandono.
Andrés Díaz recalcou as dificultades legais que entrañan este tipo de obras, toda vez que os parques do rural sitúanse sobre terreos das comunidades de montes que non están incorporados ao patrimonio municipal.
Hai algúns anos, explicou, a normativa non era tan estrita e fixéronse parques neste tipo de solo, pero agora a lei prohibe facer investimento novo sen previa certificación da titularidade municipal. Ante este inconveniente, hai que limitarse a obras de mantemento, sen que sexa posible instalar novos xogos.