O centro da Penagrande rompe barreiras polo autismo
Por Redacción
O centro da Penagrande, situado na parroquia de San Martiño de Laxe, en Moraña, programou unha serie de actos dirixidos á cidadanía para dar a coñecer as súas actividades de atención terapéutica no centro de día de persoas adultas con diversidade funcional, en particular con Trastorno de Espectro do Autismo.
Para o vindeiro venres 6 de abril desenvolverase unha mesa informativa na carballeira de Moraña, á beira do mercado. Tamén se celebrará un acto simbólico co lema "Romper barreiras polo autismo".
A Asociación de Pais de Centros de Apoio Familiar para Autistas (Apacaf), xestiona as instalacións da Penagrande que están totalmente adaptadas para 7 persoas con discapacidade.
Neste centro desenvólvense actividades de centro de día, estancias de fin de semana ou campamentos de verán, todas elas deseñadas por profesionais especializados e dirixidas a alcanzar os maiores niveis de autonomía persoal, inclusión social e integración laboral das persoas con autismo.