Nace o Bosque da Memoria en honra aos presos políticos da antiga prisión de Figueirido
Por Redacción
Un espazo de mil metros cadrados cedido pola comunidade de montes será, a partir do sábado 21 de abril ás 12.00 horas, o Bosque da Memoria, un espazo que lembrará aos presos políticos da prisión franquista de Figueirido. Na inauguración oficial participarán entidades memorialistas e familiares das persoas presas.
O monte comunal sitúase á beira do antigo cuartel, na subida de Figueirido ao lago de Castiñeiras, despois do Centro Reto. Antes da súa inauguración tense previsto que o xoves 5 de abril ás 11.30 horas comece a plantación de árbores. Participarán no acto os representantes do Colectivo A Regaduxa, Memoria Histórica de Vilaboa, das comunidades de montes de Figueirido, Vilaboa e Salcedo e un grupo de escolares do CPI O Toural.
As árbores frondosas e plantas froiteiras e de flor simbolizarán a vontade de permanencia da memoria e das ideas das vítimas da represión franquista. Tamén se pretende denunciar coa iniciativa, como explica o Colectivo A Regaduxa, o silenciamento oficial por parte do Estado da historia do cuartel como prisión e lugar de sufrimento, illamento e tortura. Ademais, quérese reivindicar a memoria da solidariedade de moitas mulleres e homes da contorna, que lles prestaron axuda aos presos.
O cárcere aberto en 1938 funcionou ata o ano 1943, e por ela pasaron máis de mil presos, a maioría galegos e asturianos.