En Marea leva ao Parlamento a necesidade de medidas urxentes na residencia de maiores de Campolongo
Por Redacción
O grupo parlamentario de En Marea anunciou este mércores que se suma ás "xustas reivindicacións" do comité de empresa da Consellería de Política Social da provincia de Pontevedra para "rematar coa precariedade" de medios e instalacións na residencia de maiores de Campolongo e para mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e reclamará no Parlamento de Galicia "a mellora urxente das infraestruturas".
A través dun comunicado, lembra que as "deficiencias nas infraestruturas" na residencia de maiores de Campolongo xa foron denunciadas ante a Xunta dende o ano 2015, sen que foran solucionadas e que se trata dun servizo de titularidade e xestión autonómica que presenta numerosas deficiencias en canto a infraestruturas, mobiliario e dotación e falta de persoal.
En Marea faise eco das demandas realizadas polos traballadores nas últimas semanas e insiste en que é necesario dotar ás habitacións de persoas asistidas de tomas de osíxeno e de baleiro, para posibilitar o seu uso para a realización de aspiracións en situacións de urxencia e contar con comedores e salas de estar en todas as plantas, acordes á tipoloxía das persoas internas. Tamén consideran necesario mellorar o acceso á cafetería do centro para as persoas internas e rematar as obras do comedor da cuarta planta, que se atopa colapsado, por ter un mobiliario inadecuado.
Os traballadores tamén consideran preciso unha reformulación global do servizo de ascensores, pois o sistema atópase colapsado, averiándose os ascensores de xeito habitual, pola sobrecarga que padecen, ao contar unha residencia de catro plantas con só dous ascensores. Ademais, o montacargas é polivalente, sendo usado para o servizo diario de comidas, de roupa limpa e sucia, lixo, pedidos e mesmo persoas asistidas en padiola e residentes falecidas. Tamén é escaso o único baño xeriátrico da cuarta planta, o que provoca atrasos no aseo.
Segundo recorda En Marea, estas dificultades de mobilidade, unido á falta de material adecuado e á carencia de salas de estar e espazos ao aire libre, provocan que moitas persoas teñan que pasar o día nas habitacións e recibir a alimentación nas propias camas.
O comité de empresa reclama tamén a creación dunha enfermería no centro, a modificación e melloras no departamento de cociña e maquinaria adecuada para enfermería, comedor, lavandería e cociña.
Outra das demandas das que se fai eco En Marea é a situación de "enorme atraso" na resolución dos expedientes de valoración do grao de discapacidade nos EVO de Pontevedra e Vigo provoca que nas residencias da provincia, como é o caso de Campolongo, non exista unha valoración real da situación en canto a dependencia das persoas internas. Este feito provoca, segundo En Marea, que as ratios de persoal por persoas usuarias sexan inferiores ás necesidades reais. En Campolongo consideran que serían necesarias como mínimo dúas de enfermería, cinco ade Enfermeiría e unha persoa para a cociña.
Relacionadas:
-
Persoal do centro de maiores de Campolongo recollerá sinaturas ante a situación de precariedade do servizo
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |
-
Política Social compromete melloras para a residencia de Campolongo
Por Redacción |
-
Lores ve "razoables" as demandas dos traballadores da residencia de Campolongo
Por Redacción & Paula Sanmartín |
-
O PSOE denuncia que máis de 10 mil pontevedreses esperan pola súa valoración da dependencia
Por Alejandra Iannone & Paula Sanmartín |
-
Preguntarán ao conselleiro de Política Social sobre as carencias na residencia de Campolongo
Por Redacción |
-
Cidadáns pedirá ao Concello que esixa á Xunta a mellora do centro de maiores de Campolongo
Por Redacción |
-
O BNG leva ao Parlamento as demandas do comité de empresa da residencia de Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian deficiencias e falta de persoal no Centro de Maiores de Campolongo
Por Redacción |