Máis dun milleiro de autocaravanas utilizaron a área habilitada en Tafisa
Por Redacción
Ás portas de cumprirse un ano da inauguración da área de autocaravanas de Pontevedra nos terreos da antiga Tafisa, a Asociación Galega de Autocaravanas (AGA), fai balance da súa repercusión a nivel turístico e económico na cidade.
Segundo datos da Policía Local, encargada de identificar as matrículas dos vehículos e de asegurarse do cumprimento dos prazos máximos de estancia establecidos (72 horas ao mes), foron ata a data 1.116 as autocaravanas que se rexistraron no recinto, aproximadamente uns 3.300 turistas, número que seguramente sexa mesmo maior debido ás limitacións de control as fins de semana, cando máis afluencia hai.
Desde Aga destacan que "o impacto económico directo calculado na cidade supera de lonxe o investimento inicial na adaptación dos terreos para a área en só o primeiro ano de funcionamento, sen contar coa promoción turística que fan os propios visitantes".
Os seguimentos en foros e buscadores especializados efectuados polo AGA e os comentarios que se recibiron, valoran a área Pontevedresa como "unha das mellores de España", e as principais aplicacións web de referencia a nivel europeo cualifícana como "sobresaínte", destacando a beleza da cidade, a súa riqueza gastronómica, a comodidade do centro peonil e a calidade do seu comercio: "Espectacular. Non se pode resumir doutra forma. Un exemplo para outras cidades", destacan en Park4night; ou "preciosa área nos arredores dunha fermosa cidade, que realmente merece a pena coñecer" atopamos en Campercontact.
A demanda deste tipo de instalacións por parte dos concellos creceu exponencialmente nos últimos anos. Así, durante 2018, a Asociación Galega de Autocaravanas inaugurará áreas en 10 municipios de toda Galicia e programou aperturas xa en 2019 xa que non resulta posible atender este ano todas as solicitudes existentes.
De entre as principais cidades galegas, Pontevedra, Lugo ou Lalín manteñen a súa firme aposta por aproveitar esta forma de atraer turismo, mentres outras como Ourense ou Vigo aínda non dispoñen de espazos específicos para facilitar o que estes vehículos e os seus ocupantes se acheguen a coñecelas.
No últimos tres anos, as matriculacións de autocaravanas en España incrementáronse desde os 2.491 vehículos novos en 2015 aos 5.785 que se matricularon en 2017, e no que levamos de 2018, o crecemento mantéñense nun 49% respecto ao mesmo período de 2017. Galicia é referencia nacional en canto a áreas de servizo dispoñibles, roldando xa as 140.
Relacionadas:
-
Autocaravaneros, estas son as normas que establece Poio ante o aumento destes vehículos na Seca
Por Redacción |
-
Só unha trintena de autocaravanas foron multadas por exceder os tres días de permanencia
Por Alejandro Espiño |
-
Dúas promotoras impulsan a construción de 200 vivendas nos terreos de Tafisa
Por Alejandro Espiño |
-
Máis de 115.000 persoas aloxáronse na cidade durante 2017
Por Diego Espiño |
-
O goberno local sitúa en 100.000 euros os beneficios xerados en tres meses polas autocaravanas
Por Redacción |