Malestar en Ponte Caldelas polo peche "sen previo aviso" da oficina agraria comarcal
Por Redacción
Por sorpresa e sen ningunha comunicación oficial. É a forma na que pechou, sen previo aviso, a oficina agraria comarcal de Ponte Caldelas, segundo denuncia o goberno municipal.
A oficina está pechada dende hai case tres semanas por mor das vacacións, acumuladas á xubilación, do funcionario que a atendía. As instalacións están pegadas á Casa do Concello e contan con entrada tanto pola rúa como o propio edificio consistorial.
Atende aos veciños de toda a bisbarra, incluíndo, ademais de Ponte Caldelas, aos dos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Fornelos de Montes. Funcionaba en horario de luns a venres en horario de 9 a 14 horas.
Nela realízanse trámites moi habituais nos ámbitos forestal, agrario e gandeiro. Ata alí había que desprazarse para solicitar permisos de corta de madeira, queimas controladas, libros de rexistro animal, vacinacións, altas, baixas, vendas, etcétera.
Simplemente apareceu pechada cun cartel colocado tanto na porta da rúa como na interior, na que se indica que está pechada por xubilación e ata a incorporación do novo responsable. "Máis que unha oficina pública parece unha mercería", lamenta o alcalde, Andrés Díaz.
O Concello está moi molesto con esta situación e vai presentar unha queixa formal á conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, pois a rede galega de oficinas agrarias está adscrita organicamente a este departamento autonómico.
O alcalde subliña que a veciñanza que se atopa coa porta pechada quéixase no Concello. O persoal municipal, engade o alcalde, está botando unha man, facendo os trámites que son posibles a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
"Estamos cargando cun traballo administrativo importante, mesmo en favor dos veciños doutros concellos, para tapar a incompetencia da Xunta, que nin sequera tivo a cortesía de informarnos de nada". Moitos destes usuarios vense obrigados a desprazarse ás oficinas máis próximas, situadas en Salcedo (Pontevedra) ou O Porriño.
Engade que tras os incendios do pasado mes de outubro moita xente acude a solicitar permisos de corta "así que ata escolleron moi mal momento para pechar por xubilación, porque estamos en plena época de corta da madeira queimada".
Díaz explica que gran parte dos usuarios das oficinas agrarias comarcais son persoas maiores, sen coñecementos mínimos de informática, o que os imposibilita para facer trámites na sede electrónica da Xunta, polo que o apoio persoal resulta imprescindible. Ademais, engade, algúns residen en zonas con mala cobertura de Internet.
O alcalde recalca que mesmo servizos da propia Xunta de Galicia en Pontevedra descoñecen que a oficina está pechada, como recoñeceron onte mesmo tras unha chamada dende Ponte Caldelas. "O curioso é que fixeron unha consulta interna e dixéronos que, de momento, virá un axente forestal un xoves cada 15 días para tramitar os permisos de corta".