Polémica pola organización en Barro dunha homenaxe ao xeneral franquista Millán Astray
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un encontro de ex militares, previsto en Barro para finais deste mes de abril, xerou unha gran polémica ao descubrirse que, en realidade, trátase dunha xornada de homenaxe ao xeneral franquista Millán Astray, titulada como IV Manobras Simuladas Millán Astray. Están organizadas pola Hermandad de Antiguos Caballeros Legionarios.
A Deputación de Pontevedra anunciou que retira a súa colaboración co encontro. Ata agora, a súa axuda limitouse á impresión de 200 carteis "da mesma forma que se fai co resto de solicitudes de colectivos e asociacións da provincia cando piden cartelería para a realización de actividades sociais, culturais, recreativas ou deportivas".
Aseguran que na solicitude de colaboración os organizadores indicaron unicamente que se trataba dun encontro de confraternidade nacional de ex militares, "sen comunicar en momento algún a verdadeira natureza do evento de homenaxe a Millán Astray, nin o nome da xornada".
A institución provincial esixiu á organización a retirada da publicidade institucional dos carteis de divulgación do evento e expresou o seu malestar por non ser informada con veracidade sobre o contido da actividade.
"De ningún xeito imos consentir que se vincule á nova Deputación con actos ou supostos ensalzamientos de dirixentes franquistas. O goberno da institución provincial defende, sen dúbida, ás mulleres e homes que deixaron as súas vidas e a súa liberdade na loita contra o golpe militar e a longa noite de pedra que supuxo a ditadura", aseguran desde a Deputación.
O goberno provincial destaca que vén desmarcándose desde a súa chegada de todos aqueles actos que se aparten do recoñecemento ás persoas que loitaron pola democracia en España e segue promovendo a recuperación da memoria histórica e os actos de homenaxe á loita antifranquista.
O CONCELLO AMEAZA CON TOMAR MEDIDAS
Pola súa banda, o Concello de Barro advirte que estas manobras de antigos lexionarios, previstas no parque de Barosa, "non dispoñen de autorización", polo que non poderán desenvolverse en terreos nin instalacións de titularidade municipal.
O concello, gobernado polo BNG e o PSdeG-PSOE, remitiu unha comunicación aos organizadores instándolles a que se absteñan de realizar esta actividade e, ao mesmo tempo, solicitaron á Subdelegación do Goberno, que se tomen as "medidas oportunas" para evitar a súa celebración.
Barro, engade o bipartito local, rexeita todo tipo de actos de exaltación de dirixentes franquistas e lamenta que vincule o nome do municipio con actividades destas características.