O Día do Autismo conmemórase no Morrazo con actos toda a semana
Por Redacción
O Día Mundial do Autismo, que se conmemorou este luns a nivel internacional, terá continuidade na comarca do Morrazo durante toda a semana, con actividades ata o domingo organizados pola Asociación Autismo Morrazo e outras entidades.
En Bueu, a concelleira de educación de Bueu, Teresa López; e o homónimo cangués, Xoán Chillón, percorreron este martes os diversos establecementos adheridos á asociación de comerciantes FECIMO para pegar símbolos pictográficos identificativos do autismo, baseándose nun traballo realizado polo alumnado do colexio da Sagrada Familia de Cangas, coas profesoras María González e Cristina García a cargo. Todo estiveron no acto.
Os colexios tamén serán protagonistas desta celebración. Este venres, durante o primeiro recreo dos centros educativos de Bueu, soltaranse globos azuis e lerase un manifesto.
O venres pola tarde o salón de plenos de Cangas acollerá, ás 18.00 horas, a charla 'Achegándonos ao TEA – Trastorno Espectro Autista', a cargo de Yolanda Heras, directora do Centro de Educación BATA.
Os actos centrais nos concellos terán lugar durante a fin de semana. O sábado 7 de abril pola mañá na Praza da Constitución de Cangas celebrarase unha clase aberta de danza oriental con velo a cargo de Margarita Outeiral a partir das 12.00 horas.
O sábado pola tarde, ás 18.00 horas, darase lectura a un manifesto, seguido dunha exhibición do alumnado de Swing On na Praza Massó de Bueu.
O domingo 8 de abril o pavillón moañés de Reibón acollerá unha masterclass coa colaboración de Zumba Fitness, durante o que tamén se recollerán alimentos non perecedoiros para destinar a Cáritas da vila.