A Policía Local identifica a oito menores polo roubo e os danos no CEIP Isidora Riestra de Poio
Por Redacción
A Policía Local de Poio logrou recuperar o material subtraído días atrás no CEIP Isidora Riestra do municipio no que parecía ser un acto vandálico e que, finalmente, confirmouse que tamén era un roubo. O propio día do roubo, unha patrulla policial localizou catro menores in fraganti no edificio, pero finalmente o delito saldouse con oito posibles autores.
Os feitos remóntanse ao domingo 18 de marzo. A última hora da tarde, unha patrulla policial sorprendeu catro menores causando numerosas desfeitas. Tras acceder forzando dúas portas, unha do ximnasio e outra da aula de audiovisuais, os mozos foron sorprendidos pintando paredes, portas e chans e esparciendo purpurina.
Ao día seguinte, a dirección do centro presentou unha denuncia pola falta dun computador, un altofalante con equipo de son e un cronómetro, de modo que a Policía Local abriu unha investigación na que finalmente identificou a oito novos. As investigacións concluíron que catro que forzaran as portas e subtraeron do interior os obxectos denunciados e, con posterioridade, entraron os outros catro novos pillados in fraganti pola Policía Local realizando desfeitas.
Unha vez postos en contacto cos pais dos mozos, e trasladada a gravidade dos feitos, tres dos novos identificados fixeron entrega do material subtraído, que llo repartiron.
Os oito menores identificados teñen idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos e acúsaselles a catro deles por un presunto delito de danos cometidos no interior do colexio e aos outros catro de danos e roubo con forza.
A Policía Local realizará a entrega á dirección do centro dos obxectos subtraídos e recuperados, xa que se atopan en bo estado. O computador xa fora formateado.
A valoración dos danos que ascende a 1.200 euros e as dilixencias de investigación foron entregadas á Fiscalía de Menores de Pontevedra polos delitos de danos e roubo con forza.