Sanxenxo solicita entrar no plan de transporte metropolitano da consellería de infraestruturas
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, mantivo este luns unha reunión coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, coa que, ademais doutros asuntos de interese para o municipio, abordou a posibilidade de que o concello se adhira ao Plan de Transporte Metropolitano.
Esta foi a petición expresa trasladada polo propio alcalde á conselleira, pois o goberno considera que a inclusión neste servizo beneficiará aos veciños que fagan uso del, xa que supoñerá un abaratamento do prezo do billete a calquera usuario e porque ofrecerá traxectos totalmente gratuítos para os mozos menores de 19 anos dentro termo municipal.
Durante o encontro, Telmo Martín, trasladou á titular da consellería a necesidade de formar parte deste plan, por dous motivos principais. O primeiro solucionar o problema de transporte nos IES do municipio e o segundo mellorar a comunicación de Sanxenxo coa capital da provincia, fomentando o uso do transporte público.
Pola súa banda a conselleira comprometeuse a analizar en profundidade esta posibilidade, no estudo definitivo sobre o Plan que se está realizando nestes momentos.
Ademais, o alcalde púxose en contacto co portavoz do BNG, despois de solicitarlles que retirasen unha moción sobre o tema no pasado pleno ordinario, co compromiso de reunirse nos próximos días para tratar este asunto en profundidade.