O PP pide ao Concello de Poio que faga xestións para que Raxó teña caixeiro automático
Por Redacción
O PP reclama ao Concello de Poio que faga as xestións necesarias ante as distintas entidades bancarias para a instalación dun caixeiro automático na parroquia de Raxó.
A voceira do PP para a parroquia de Raxó, Tamara González Ouviña, solicitou ao concello que faga estas xestións "alomenos antes de que chegue o verán", pois na tempada estival os case 1.500 habitantes da parroquia convértense en máis de 6.000 e se Raxó quere aproveitar todo ese potencial turístico, "ten que haber servizos".
González Ouviña subliña o peso do sector turístico na economía de Raxó e destaca que, a diferencia dos visitantes de outros núcleos, moitos dos turistas que visitan Raxó son a todos os efectos, residentes na parroquia durante a súa estancia e "o turismo de pernoctación precisa de determinados servizos".
Na actualidade, os visitantes, para poder sacar diñeiro ou facer xestións, teñen que desprazarse ao veciño municipio de Sanxenxo ou á parroquia de Combarro.
A concelleira fala de varias alternativas. Pode haber un caixeiro permanente ou mesmo unha oficina móbil que se instale na parroquia en tempada alta.