Taylon, de estar a punto de morrer de fame a tres anos á espera dun fogar na canceira de Poio
Por Redacción
Taylon fíxose tristemente coñecido en Poio no ano 2015, cando a Policía Local o rescatou dunha dona que practicamente o deixou morrer de fame e de sede. Tres anos despois, non queda nin rastro daquel animal esfameado que case non se tiña en pé, pero hai algo que segue igual na súa vida: segue sen atopar un novo fogar. Desde entón estivo á espera de ser adoptado na canceira de Poio.
A Policía Local e a protectora de animais de Poio rescataron a historia de Taylon esta semana Santa e fan un chamamento a calquera cidadán interesado en adoptalo e permitir "que sexa feliz e sente querido os seus últimos anos de vida".
Fai tres anos, tras chegar con desnutrición severa á clínica veterinaria, a Policía Local de Poio interveu a Taylon e deixouno baixo custodia da protectora, á vez que se abrían dilixencias contra a súa propietaria por un delito de malos tratos animais. Para a dona, as consecuencias foron unha multa de 500 euros e para o animal, un longo período de ingreso e recuperación e unha vida en permanente espera dun novo fogar.
A Policía Local de Poio aproveitou este fin de semana para facer balance das súas intervencións relacionadas con animais no municipio e sinalar que a diario os veciños realizan chamadas á Policía en relación con cans perdidos, abandonados, maltratados ou animais mortos.
Segundo as cifras facilitadas, no ano 2017 interviñeron en 145 casos co fin de protexer a animais domésticos e realizáronse 36 denuncias en relación a infraccións con cans potencialmente perigosos, cans soltos sen custodia que xeran perigo en vía pública, cría e comercialización ilegal, non recoller excrementos e por falta de coidados. Tamén houbo dúas denuncias por non recoller excrementos de cabalo.
O verán pasado, os axentes municipais realizaron unha campaña para promover a tenencia responsable de mascotas, co obxectivo de frear os comportamentos incívicos de quen non levan aos seus animais de compañía cos elementos de suxeición necesarios ou deixan os excrementos na vía pública.
Os axentes prestaron especial atención ás infraccións comúns como non levar ao animal con correa e boceira, ou non recoller os excrementos da súa mascota. As infraccións da ordenanza municipal carrexan multas que poden oscilar entre 30 e 300 euros de contía, en función da gravidade do feito.
Ademais, os axentes controlan especialmente os cans de razas potencialmente perigosas, para que se cumpra a obrigatoriedade de levar posto a boceira na vía pública así como compróbase que o propietario teña subscrito un seguro de responsabilidade civil, o can estea inscrito no rexistro de animais potencialmente perigosos e cóntese coa correspondente licenza para a tenencia desta clase de cans.
A Policía Local destaca o traballo da protectora de Poio, que trata de atopar novas familias para os cans abandonados. En moitos casos estes animais estiveron sometidos a malos tratos de todo tipo como é o caso de Taylon.