Os usuarios do servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación medran un 20%
Por Redacción
O servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra continúa a aumentar en número de beneficiarios e asistiu ao longo do ano 2017 a case un 20% máis usuarios que o ano anterior.
Segundo a información facilitada pola Deputación Provincial, o servizo atendeu a 519 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. atendeu preto de 5.000 alarmas e realizou máis de 400 visitas aos domicilios.
Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.
A través deste servizo de teleasistencia préstase apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, presta seguimentos permanentes dende o centro de atención mediante chamadas telefónicas periódicas, e xestiona axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións.
O servizo de teleasistencia da Deputación de Pontevedra préstase actualmente en 46 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. No ano 2017, houbo 519 terminais instalados en fogares destes concellos, 83 máis dos que había en 2016.
Ao longo do 2017 atendéronse un total de 4.735 alarmas (cun tempo medio de atención de 10,6 segundos e de resolución de incidencias foi de 1 minuto e 28 segundos) desde os terminais. En canto á atención, durante o ano 2017, houbo 441 visitas de seguimento e coordinación, incluíndo as visitas por incidencia técnica.