O abril máis termal de Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas pon en marcha un novo programa social que permitirá aos veciños do municipio acudir cada xoves do mes de abril ao balneario Termas de Cuntis a un prezo de 56 euros (14 euros por cada xoves).
O programa, bautizado Abril Termal, xurde das peticións dos usuarios habituais doutros programas termais e está adaptado ás necesidades da veciñanza de Ponte Caldelas.
Abril Termal está concibido para minimizar os inconvintes do desprazamento e tirar así o máximo partido da estancia no balneario. É froito das xestións do Concello con Termas de Cuntis e inclúe transporte completamente gratuíto, polo que os usuarios só terán que aboar a tarifa de grupo do balneario.
O prazo para inscribirse comeza este luns 2 de abril, polo que as persoas interesadas deben pasarse canto antes polas oficinas do Concello, pois hai prazas limitadas. Para participar tan só é necesario estar empadroado en Ponte Caldelas e ter cumpridos os 55 anos.
O transporte sairá de Ponte Caldelas e irá directo a Cuntis, garantindo dúas horas efectivas de estancia. Tan só no caso de que haxa moitas persoas apuntadas nalgunha parroquia incluirase un desvío para recollelas.