A Xunta adxudica a primeira fase da estrada entre Antas e Seixido
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar as obras da 1ª fase da mellora na estrada PO-235, entre Antas e Seixido, por un investimento de máis de 450.000 euros.
A actuación adxudicada á empresa Narom S.L., dispón dun prazo de execución de 6 meses e consiste no ensanche e mellora desta estrada en varios puntos entre os núcleos de Antas e Seixido, co fin de mellorar a seguridade viaria e a comodidade na circulación.
As obras desta primeira fase comprenden a ampliación transversal dos pontóns situados nos puntos quilométricos 15+630 e 17+300, para acadar un ancho de 8 metros, o que permitirá ampliar a calzada e dispoñer beiravías e peitorís de contención. Ademais, mellorarase o trazado das curvas de acceso aos ditos pontóns, ampliando lixeiramente o seu radio.
Por outra banda, tamén se acondicionará a estrada desde a saída do pontón do punto quilométrico 17+300 ata o final da vía, no núcleo de Seixido. Neste punto ampliarase a sección transversal e estenderase no firme unha nova capa de rodadura. Para a drenaxe da plataforma, ademais de ampliar as obras de drenaxe que resulte necesario, procederase ao tendido e revestimento das cunetas, nos tramos que resulte conveniente.
Procederase tamén a reposición da rede de saneamento existente no núcleo de Seixido, que se ve afectada pola obra e a disposición de sinalización horizontal, vertical e de balizamento e defensas.
Paralelamente, a Xunta avanza na redacción do proxecto da segunda fase das obras, que permitirá completar o acondicionamento da estrada mediante un investimento de 1,5 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Comeza a instalación de tubaxes no novo sistema de sumidoiros entre Antas e Seixido
Por Redacción |
-
Os veciños de Antas, convocados a unha reunión para falar da segunda fase das obras da PO-235
Por Redacción |
-
O PSOE pide a Jorge Canda que cumpra a súa promesa e dimita ao non arranxar a Xunta toda a estrada de Seixido
Por Redacción |
-
A Xunta licita a mellora da estrada entre Antas e Seixido
Por Redacción |
-
A mellora da estrada PO-235 priorizá o treito Antas-Seixido
Por Redacción |