Alerta por temporal de nivel laranxa en toda a costa galega
Por Redacción
A partir da madrugada deste xoves e durante o venres desta semana Santa activarase a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral de Galicia. Así o decidiu a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
Segundo a información que procede da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) espérase un temporal no litoral galego con ventos do oeste ao suroeste variando ao noroeste de forza 8. Ademais de mar combinada con ondas que se calcula que acaden ata os 8 metros de altura.
A Xunta de Galicia lembra a importancia de que a cidadanía se manteña afastada da liña de costa e evitar diques, rompientes, praias, portos ou paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e os amarres das embarcacións. Desde Vicepresidencia aconséllase ás persoas interesadas na evolución do temporal que consulten a páxina web do Centro de Emerxencias do 112 Galicia, que conta con información sobre os cambios meteorolóxicos.