Aitor Bouza, novo secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia co 96% dos votos
Por Natalia Puga
O actual responsable das Xuventudes Socialistas de Ferrol, Aitor Bouza, converteuse este sábado no novo secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) en substitución de María Torres. Saíu elixido no marco do XIV congreso autonómico celebrado no centro cultural Xaime Illa de Raxó, en Poio, no que logrou o respaldo do 96,05% dos votos.
Bouza formalizou a súa candidatura esta mesma semana fronte ao seu rival, o secretario xeral de Xuventudes Socialistas da Coruña, Chema Castrillo, que había semanas que oficializara a súa intención de optar ao máximo cargo da agrupación xuvenil.
Ao congreso, que clausuarará este domingo o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, asistiron preto de 120 delegados de toda Galicia e unha abafadora maioría avalou a Bouza. Todo iso no medio dunha elección na que varias decenas de delegados decidiron non votar por discrepancias co xedito no que se organizou o congreso.
No seu discruso xa como candidato, Aitor Bouza manifestou a súa postura totalmente partidaria da elección dos órganos de Dirección do partido mediante Primarias e destacou que "temos que cambiar os formatos dos actos polo modelo de debate, no que poida falar toda a cidadanía".
Minutos despois de ser elixido, apostaba por unha organización na que "nos acheguemos aos movimentos sociais, non por conveniencia senón por convicción" porque "temos que abrir os foros de debate á cidadanía para nutrir os nosos posicionamentos"en relación a este achegamento á cidadanía que pretende promover dende o novo cargo de responsabilidade.
Bouza apostou tamén por dar "solucións" a "tantos mozos e mozas formados" que teñen que abandonar Galicia por non encontrar oportunidades laborais e de futuro, defendeu o seu republicanismo e chamou a unha necesaria reflexión interna dos socialistas porque "temos que gañar en credibilidade abordando as diferentes materias en profundidade".
INAUGURACIÿN DE PABLO GARCÍA
O congreso inaugurouno este sábado o secretario de organización do PSdeG, Pablo García, que aproveitou o auditorio para eloxiar a "mostra de madureza" que supuxo o acordo alcanzado no Comite Federal do PSOE para aprazar ao mes de setembro o proceso de renovación da dirección da agrupación por Primarias.
"Había que entender a importancia de dar ese paso cara a un novo modelo", indicou, en relación coas Primarias, e engadiu que "non existirá nunca por parte do PSdeG o máis mínimo ánimo de discrepancia" unha vez que xa se aprobou que a próxima elección será polo método que reclamaban os socialistas galegos e a pesar de que lles tocou "pagar unha pequena peaxe" co aprazamento do proceso de renovación a setembro.