O goberno local investirá 330.000 euros en dúas actuacións en Portonovo
Por Redacción
O Goberno Local de Sanxenxo ten previsto investir 330.000 euros, financiados co Plan de Concellos da Deputación e con fondos propios, na mellora da casa de Don Fernando co fin de dar a este edificio un maior uso e na ampliación da zona deportiva do parque do Espiñeiro.
A intención municipal é destinar para uso da mocidade a Casa de Don Fernando. Por iso levará a cabo unha actuación para adecuar as instalacións á normativa de accesibilidade vixente.
Tanto o edificio principal como a parcela na que se atopa non reúnen as condicións de acceso a persoas con mobilidade reducida. Para emendalo redactouse un proxecto que suprimirá as barreiras arquitectónicas e de comunicación e construirase un aseo accesible. Tamén se instalará un ascensor panorámico hidráulico. Na planta alta do edificio colocaranse unhas divisións de pladur para crear un novo espazo destinado a sala de estudo.
Para corrixir as filtracións de humidade farase unha drenaxe perimetral polo exterior e unha impermeabilización que evite as filtracións. Tamén nas escaleiras exteriores conectadas coa fachada, onde se selará toda a superficie de contacto. O orzamento de execución da obra ascende a 134.000 euros, que será financiado con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A idea do goberno é converter a Casa de Don Fernando na "Casa da Xuventude" desenvolvendo ideas e proxectos que incluirán diferentes actividades, unha oficina de información e unha aula de estudo. Nesta liña Paz Lago presentou o mércores un proxecto denominado "+ Xuventude, máis Concello", que busca unha participación e implicación activa de todos os mozos do municipio.
A casa de Don Fernando, construída en 1900, atópase nunha leira cunha superficie de 800 m² . Na actualidade atópase en bo estado debido ás obras de rehabilitación realizadas na lexislatura 2003 – 2007.
MELLORAS PARQUE ESPIÑEIRO
O goberno investirá no parque do Espiñeiro en Portonovo 196.000 euros, dos cales 126.000 euros serán financiados con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o resto será achega a través do orzamento do Concello.
A actuación centrarase na zona deportiva do Parque. Este é un lugar no que se reúnen diariamente moitas persoas para practicar deporte nas dúas pistas abertas das que dispón. Unha para fútbol e outra para baloncesto.
Estas pistas carecen de calquera tipo de cerramento ou de delimitación, polo que resultan perigosas para o resto de usuarios e transeúntes. Ademais, tamén hai un pequeno conxunto de elementos ximnásticos con barras e espalderas, pero que debido á súa antigüidade resulta pouco atractivo e carece practicamente de uso.
O obxectivo desta actuación é acondicionar unha gran zona deportiva, pasando dos 950 m² de ocupación a un espazo habilitado de 1.500 m². Desta forma, poderase dar acollida a un maior número de usuarios que demandan este tipo de instalacións, favorecendo a unha vida sa e saudable. Así, construiranse 3 pistas polideportivas e unha zona de exercicio ao aire libre.